Avatel ampliará a súa cobertura en Ribeira a 1.000 novos fogares e empresas
luns, 17 de outubro do 2022
A
operadora Avatel, presente dende hai un ano na comarca do Barbanza a
través da súa sede na rúa de Galicia en Ribeira, proporcionará
Internet de alta velocidade a 1.000 novos fogares da dita localidade
e máis da parroquia de Palmeira. A compañía anunciou esta novidade
ao tempo que fixo saber que ten unha cobertura (con rede de banda
larga) que chega a case 6.000 vivendas e fogares no dito termo
municipal.
A
cidade de Ribeira foi a porta de entrada da compañía na provincia
da Coruña, onde a día de hoxe dá servizo a máis de 22.000
vivendas e empresas e ten abertos catro puntos de venda: Ribeira,
Sada, Santa Comba e O Temple, coa que cobre Cambre e Oleiros.
Como
dixemos, a partir de novembro, a operadora de orixe galega ampliará
a despregadura local no municipio a uns 1.000 fogares novos grazas á
colaboración das comunidades de veciños que facilitaron a
instalación de cables e equipos de distribución de fibra óptica.
Por este motivo, e co gallo de celebrar o primeiro aniversario no
municipio, Avatel realizará accións especiais cos veciños como a
participación na promoción dun ano de fibra gratis a todas as
persoas que visiten, desde o 14 de outubro ao 14 de novembro, a tenda
situada no número 20 da rúa de Galicia.
A
compañía ten como obxectivo conectar aos veciños do municipio
“dotándoos de Internet de última xeración e incrementando a súa
calidade de vida”, así como “contribuír á reactivación
económica da localidade ribeirense fomentando o emprego local coa
contratación de técnicos e comerciais no punto de venda”.
Ademais,
ao longo deste ano, a empresa fixo un esforzo especial por
converterse en “parte activa da poboación”, e nesta liña
implicouse dando o seu apoio ás Festas da Dorna (recibindo a
etiqueta de firma Dorneira Profesional) e colaborando como asociada
na Asociación de Empresarios de Ribeira.
