Avatel rexistrou unha caída do 40% no tráfico de datos en Noiteboa en zonas rurais
mércores, 29 de decembro do 2021
A
operadora de raíces galegas Avatel, da
que falamos recentemente con motivo do seu desembarco na
provincia da Coruña (a través dun plan de despregue que pon o
foco no rural e que colle pulo en Ribeira, onde a empresa prevé
levar banda larga a máis de 5.000 fogares e empresas), fixo balance
da influencia que tiveron as celebracións de Noiteboa e Nadal na súa
rede e, por extensións, nas redes de fibra óptica en zonas rurais.
No reconto a operadora sinala que os festexos do 24 de decembro
provocaron “un importante descenso do 40% no tráfico de datos a
través de redes de FTTH en contornas non urbanas en comparación cos
datos rexistrados a fin de semana anterior”. Porén, en Nadal
rexistrouse un aumento do 11%, e o domingo 26 houbo un consumo
intensivo con incrementos do 20%.
Avatel
sinala que o importante descenso no consumo de datos do día 24 foi
similar ao do pasado ano, e “debeuse a un menor uso das plataformas
de vídeo baixo demanda, das plataformas de gaming e de
Internet en xeral grazas ás reunións familiares”.
Dun
xeito máis pormenorizado, engádese, “ao contrario que
practicamente calquera outro día do ano, durante a sobremesa
rexistrouse o pico máximo de uso de Internet da xornada (entre 14.00
e 17.00 horas), un consumo elevado que se pode asociar ás vacacións
escolares, cunha maior presenza de habitantes nas vivendas, dado que
se trataba dun día laborábel”. Porén, entre as 20.00 e as 23.00
horas, en troques do habitual prime time televisivo, tomaron
protagonismo as reunións familiares. En consecuencia, o acceso a
Internet afundiuse rexistrando os mínimos da xornada e da fin de
semana.
Polo
que respecta ao día de Nadal, o tráfico nas redes de fibra óptica
incrementouse a partir do mediodía, tras a tradicional comida,
impulsado “polo goce en familia, o mal tempo reinante en
practicamente toda España e a permanencia da poboación en casa”,
detállase no balance da actividade, engadíndose que a franxa
comprendida entre as 22.00 horas e a medianoite foi “a de maior uso
de Internet o 25 de decembro, grazas ao consumo de entretemento en
liña (series, vídeos, películas)”. Isto deu como resultado un
11% de subida respecto ao fin de semana previo.
Por
último, o domingo 26 alcanzábanse máximos nas redes de zonas
rurais cun 20% de aumento no tráfico de datos. “Nesta xornada”,
informou Avatel, “sumáronse a volta a casa, por ser a antesala do
regreso ao traballo para moitas persoas e terceira xornada de
inestabilidade meteorolóxica, o acceso a Internet disparouse”.