BBVA lanza unha pioneira app para buscarmos vivenda con realidade aumentada

luns, 21 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

BBVA presentou a semana pasada unha ferramenta móbil que pasaría por ser a primeira das súas características en Europa que permite aos usuarios procurar vivenda para mercar ou alugar a través de tecnoloxías de realidade aumentada. Trátase de Valora View, unha app de balde para clientes e non clientes de entidade, que está dispoñíbel en Android e iOS e que ten a súa base no aproveitamento da información a gran escala (Big Data) para fornecer aos usuarios de prezos recomendados para un inmóbel determinado. Ademais, ten capacidade para dar consellos persoais sobre a conveniencia de mercar ou alugar e permítese mesmo facer simulacións de hipotecas.
O seu funcionamento baséase literalmente no uso do móbil e na información que se recibe e se achega. Enfiando o noso dispositivo cara un edificio a aplicación informaranos (a través de realidade aumentada) se na contorna que temos diante hai algunha vivenda en venda ou aluguer no portal web Idealista. Ademais, Valora View subministra información útil do predio que guste e características detalladas do barrio no que se atopa a vivenda, para coñecer os tipos existentes. Todo isto acompáñase de recursos como un mapa que ten (entre outras cousas), un indicador de calor que determina que emprazamentos son os que teñen un meirande custe.
Sobre o dilema de se mercar ou alugar un piso ou unha casa, un dilema polo que boa parte da cidadanía ten que pasar algunha vez, a app tamén quere botar unha man calculando os diferentes custos e investimentos necesarios en ámbalas opcións, ofrecendo información sobre cal das dúas alternativas sería máis vantaxosa. Por outra banda, tamén quere achegar datos fiábeis sobre o valor que ten a nosa vivenda actual, engadindo informes de todos os gastos asociados á vivenda que desexemos adquirir (luz, comunidade, gas, etc.) ou a hipoteca.

PUBLICIDADE