Bahía afianza o seu proceso de medre e inaugura instalacións en Ourense
luns, 9 de outubro do 2017
A
empresa TIC Bahía Software
inaugurou o pasado 29 de setembro unha nova sede de seu na cidade de
Ourense, a engadir á que xa tiña previamente en Santiago de
Compostela, onde están situadas as oficinas centrais da firma. A
apertura das novas dependencias son froito do proceso de espallamento
no que está mergullado Bahía, tanto no que se refire a liñas de
traballo despregadas como no que atinxe ao número de traballadores,
que se duplicou nos últimos catro anos e que xa chegou á cifra de
160. Como consecuencia deste medre de Bahía, as oficinas centrais de
Compostela tamén serán obxecto de ampliación ao longo do ano
vindeiro. A renovación das instalacións, tanto nunha coma noutra
cidade, responde o interese de “mellorar o espazo onde desenvolven
o seu labor os profesionais que conforman o persoal”.
Segundo
informan fontes da empresa galega de novas tecnoloxías, esta
rexistrou un crecemento sostido no tempo en canto a proxectos e
clientes durante os últimos anos. Este incremento produciuse tanto
no sector público como no privado, cun fortalecemento especial nas
áreas de negocio intelixente, mobilidade e Investigación e
Desenvolvemento (I+D), con “importantes proxectos innovadores”,
segundo explican dende Bahía, engadindo que esta “aposta decidida
polo talento” supuxo que o persoal duplicase o seu número nos
últimos 4 anos, “de forma que na actualidade está integrada por
160 traballadores, sumadas a oficina central de Santiago e a de
Ourense”. A estimación de Bahía Software é que esa tendencia se
consolide no que resta de ano e o vindeiro 2018.
Respecto
das instalacións de Ourense, as novas oficinas diríxense a
amplificar ao máximo unha actividade sostida na cidade das Burgas
que xa se remonta (fisicamente, con presenza propia) a 2015, ano no
que Bahía contaba alí con 10 empregados. Na actualidade, o persoal
ascende a 30 profesionais e a previsión é crear a medio prazo
outros 30 postos de traballo máis. As oficinas teñen unha
superficie de 250 metros cadros e están situadas na céntrica praza
de Santa Eufemia.