Balidea, 1ª tecnolóxica galega en lograr a certificación internacional en xestión responsable de sistemas de IA
xoves, 11 de setembro do 2025

- Daniel Echevarría, responsable de Organización e Calidade de Balidea; José Enrique Rodríguez Coello, director de AENOR en Galicia; Lorenzo Rodríguez Currais, CEO de Balidea; e María del Carmen López Pérez, responsable do departamento de Idi de Balidea
A firma galega Balidea vén de situarse á cabeza do ecosistema tecnolóxico de innovación logrando a certificación ISO/IEC 42001. “Da man de AENOR”, informan, “convertémonos na primeira empresa do sector tecnolóxico galego e unha das primeiras a nivel nacional en obter este recoñecemento, que avala a correcta xestión dos sistemas de Intelixencia Artificial baixo criterios de seguridade e responsabilidade”. O acto de entrega celebrouse este xoves 11 de setembro nas oficinas centrais da compañía en Santiago de Compostela, onde o director executivo (CEO) de Balidea, Lorenzo Rodríguez Currais, recibiu o distintivo de mans de José Enrique Rodríguez Coello, director de AENOR en Galicia.
Anos de innovación

- José Enrique Rodríguez Coello, director de AENOR en Galicia; e Lorenzo Rodríguez Currais, CEO de Balidea
A certificación ISO/IEC 42001 pon en valor a actividade innovadora da compañía por canto avala a súa aposta polo desenvolvemento de sistemas de IA de maneira responsable. Balidea leva anos impulsando a innovación neste ámbito, particularmente relacionada co desenvolvemento de asistentes virtuais baseados en LLMs, é dicir, grandes modelos da linguaxe que permitan a comunicación por voz con ferramentas dixitais. Seguindo este fío, o director xeral da empresa, Lorenzo Rodríguez, sinalou que esta nova certificación significa “un gran apoio á nosa forma de entender como a Intelixencia Artificial se pode integrar en solucións tecnolóxicas que melloren a vida diaria das persoas. No contexto actual, onde existe tanto debate e incerteza sobre a IA, abordar o seu desenvolvemento e xestión só é posible mantendo unha perspectiva ética, responsable e sostible”.
Pola súa banda, José Enrique Rodríguez Coello, director de AENOR en Galicia, destacou: “A obtención da certificación ISO/IEC 42001 con AENOR non só sitúa a Balidea á vangarda da innovación tecnolóxica en Galicia, senón que tamén reforza a importancia de establecer marcos sólidos de gobernanza no uso de tecnoloxías emerxentes. Nun contexto no que a Intelixencia Artificial está a transformar todos os sectores, contar con estándares como a ISO/IEC 42001 permite ás organizacións avanzar en aliñación coas boas prácticas, transparencia e aliñación cos valores sociais actuais, como é o caso de Balidea, que lle manda unha mensaxe de máxima confianza a todos os seus grupos de interese”.
Ademais, este estándar ofrece un marco completo que garante que as organizacións desenvolvan, apliquen e xestionen sistemas de IA de maneira responsable, confiable e transparente. Trátase dun referencial que proporciona un enfoque sistemático e recoñecido para xestionar os riscos e oportunidades asociados co uso da Intelixencia Artificial, ademais de definir un conxunto de controis a aplicar e de ofrecer unha guía para a súa aplicación.
Especialización en saúde e ámbito sociosanitario
Unha das principais áreas de especialización de Balidea é a saúde e o ámbito sociosanitario, onde levan máis de vinte anos habilitando e poñendo en marcha solucións tecnolóxicas que dan resposta a novas necesidades. Converteuse nunha empresa referente en sanidade, con proxectos para servizos de saúde de toda España e de ámbito internacional, centrados na dixitalización da xestión e administración de servizos sanitarios. Dentro da eSaúde (eHealth), con vocación de atención médica continuada e centrada nas persoas, enmarcou a maior parte dos seus proxectos de desenvolvemento de asistentes virtuais e tecnoloxía LLM.
A obtención desta certificación foi unha realidade grazas ao Plan de Innovación de Balidea, que ten como obxectivo potenciar a innovación en todos os niveis da organización, para optimizar procesos, innovar en produtos e servizos e mellorar a estrutura interna. Este plan está financiado pola Xunta de Galicia, a través das axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), dentro do programa InnovaPeme.
