Balidea achega a aplicación móbil da Festa da Istoria de Ribadavia

luns, 22 de agosto do 2016 Redacción

A Festa da Istoria de Ribadavia, para moitas e moitos a máis referencial das nosas celebracións medievais, xa ten aplicación móbil de seu. A encargada do seu desenvolvemento foi a firma compostelá Balidea, especializada no desenvolvemento e integración de recursos software, consultoría de sistemas de información e servizos dixitais. A aplicación, que é de balde, está xa dispoñíbel para trebellos iOS e para dispositivos con sistema operativo Android. Segundo informa a Fundación Festa da Istoria, na ferramenta móbil poderemos atopar toda a información relativa á cita do 26 e o 27 de agosto: o programa, liñas de autobús, aparcadoiros, centros sanitarios, emerxencias, postos de comida, artesáns, oficinas de troco de marabedís, etc.
Ademais, grazas á aplicación, os veciños e visitantes irán recibindo nos seus aparellos móbiles todas as novidades relativas ao programa e á propia preparación da festa ao longo do ano.
Por outra banda, informar tamén de que a vertente tecnolóxico-dixital da Festa da Istoria reforzouse este ano (amais de co lanzamento da app), coa dispoñibilidade dunha serie de puntos de acceso Wi-Fi para podermos consultar os contidos actualizados da devandita ferramenta deseñada por Balidea. Estes son os puntos de conexión achegados polos establecementos e veciños da vila:
-Café-Bar Morto-Rúa Progreso
-Bar Meu-Rúa Progreso
-Cafetería Dessert-Alameda
-Ribeiro e Xamón-Praza Maior
-Vinoteca-Praza Maior
-Restaurante Praza-Praza Maior
-Café-Pub Aljama-Rúa Trasmesones
-Cafetería Rectoral-Praza Maior
-Sede Coordinadora Festa da Istoria-Rúa Escobetes
-Concello Banco Alhóndiga-Praza Maior
-Autoescola Yoli-Praza San Martín
-Casa Lhou-Rúa Yañez
Por certo que a rede Wi-Fi chámase “ISTORIA 2016”.

PUBLICIDADE