Balidea achegará as posibilidades de ADESTRapp aos clubs galegos de fútbol

venres, 27 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa TIC Balidea, con sede principal en Santiago, vén asinar un convenio coa Real Federación Galega de Fútbol para facilitar o uso da ferramenta ADESTRapp entre os clubs galegos: será o recurso de video-análise de referencia para todas as seleccións galegas de fútbol, fútbol sala e árbitros. O convenio asinado entre ADESTRapp e a Federación inclúe tamén a inclusión nos cursos formativos de adestradores de material didáctico relacionado con esta ferramenta, “para que o alumnado poida profundar nas vantaxes competitivas da análise en tempo real”, sinalaron durante a formalización do acordo, rubricado este martes.
A maiores, a alianza tamén inclúe o fornecemento de vantaxes aos clubs de Galicia que aposten pola introdución das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no seu traballo. Así, os 15 primeiros pedidos que se realicen por medio da Real Federación Galega de Fútbol terán un desconto de 20% sobre o prezo, que será do 10% a partir do pedido número 16.
A sede da RFGF en Santiago de Compostela acolleu este martes 24 de serembro a sinatura deste convenio. No acto participaron Lorenzo Rodríguez, director xeral de Balidea; Pablo López, responsábel do proxecto; Iván Cancela, presidente do Comité Galego de Adestradores e director da Escola Galega de Adestradores; e Rafael Louzán, presidente da Real Federación Galega de Fútbol.
A Real Federación Galega de Fútbol agrupa a 1.863 clubs de fútbol, fútbol sala e fútbol gaélico de Galicia. Segundo informou Balidea, “a versatilidade de ADESTRapp como ferramenta de captación, transmisión e análise de vídeo aplicado a contornas de alta competición e adestramento convértea nun produto atractivo para equipos de todas as categorías”. No máximo nivel foi empregado con éxito por clubs como o Atlético de Madrid, o Deportivo da Coruña, o Betis, o Leganés, o Málaga, o Al Nasr Club de Dubai e Xangai Shenhua. Tamén se está empregando por equipos doutras disciplinas, como o Obradoiro CAB de baloncesto ou o Judo Club Coruña.

PUBLICIDADE