Balidea achegará solucións de seguridade de aplicacións da prestixiosa compañía Checkmarx

xoves, 31 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Balidea, compañía galega especializada en desenvolvemento de software e ciberseguridade, vén de selar unha alianza coa empresa israelí Checkmarx, para a venda de solucións de protección tecnolóxica destinadas á análise da exposición de aplicacións e servizos TIC. Segundo informa Balidea, a distribución das ditas solucións levarase a cabo na área xeográfica de influencia da empresa da nosa terra: o mercado español e outros mercados europeos.
“Trátase dun acordo estratéxico para nós que pon en valor a nosa aposta recente pola ciberseguridade aplicada ao desenvolvemento de solucións, que é a cerna do noso negocio”, sinalan dende Balidea, engadindo que Checkmarx é “unha das compañías mellor emprazadas no seu ámbito”.
Amais, a empresa israelí é valorada no cuadrante máxico de Gartner como “a mellor solución do mercado de probas de seguridade de aplicacións e servizos, que permiten aos equipos desenvolvedores entregar software seguro máis rápido”.
A maiores, Checkmarx conta con máis de 2.000 clientes de dimensión empresarial a nivel mundial, incluíndo as principais empresas tecnolóxicas (por exemplo SAP, Samsung e Salesforce) así como grandes entidades do sector bancario e numerosas organizacións gobernamentais e institucións públicas.
Na súa valoración do acordo asinado, Balidea engade que no catálogo de Checkmarx salienta unha plataforma de probas de seguridade para contornas áxiles de desenvolvemento de software, como DevOps e CI, baseados no despregue continuo. Esta tecnoloxía, entre outras cousas, permite que os desenvolvedores proben a fondo o seu propio código para problemas de seguridade, posibilitando obter resultados instantáneos e remediar as incidencias ao momento.

PUBLICIDADE