Balidea axudará a garantir un modelo industrial sustentábel dentro do PERTE do Vehículo Eléctrico
venres, 3 de febreiro do 2023
A
empresa tecnolóxica Balidea,
con sede principal de Santiago, participou como socia na presentación
pública de Future: Fast Forward, que se levou a cabo este
xoves 2 de febreiro en Madrid. O acto levouse a cabo despois de que
o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo dese a súa
conformidade final á proposta de Balidea sobre o desenvolvemento dos
Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación
Económica para o Vehículo Eléctrico (PERTE VEC) incluído na
agrupación Future: Fast Forward.
As
52 empresas de Future: Fast Forward van contribuír ao PERTE
VEC coa posta en marcha de 86 proxectos
en 9 comunidades diferentes, divididos segundo temática en nove
bloques. Balidea participa
dentro do bloque transversal de economía circular, como membro do
proxecto primario RELOAD, cuxa misión é “contribuír ao
subministro eficiente e seguro de metais de alto valor na cadea
industrial do Vehículo Eléctrico e Conectado (VEC), reducindo a
dependencia de importacións e impulsando un modelo industrial
sustentábel, circular e con menor pegada ambiental”.
O
acto contou coa presenza da Ministra de Facenda e Función Pública
María Jesús Montero, quen apuntou que “temos o coñecemento
tecnolóxico, a capacidade industrial, o liderado empresarial e o
apoio das administracións públicas para contribuír a unha economía
cada vez máis sustentábel, máis limpa e menos contaminante, onde a
mobilidade eléctrica vai desempeñar un papel determinante”.
Máis
detalles sobre a contribución da empresa galega
En
particular, Balidea encargarase de integrar o uso de tecnoloxías
dixitais como ferramentas para impulsar os procesos de reciclaxe,
investigando tecnoloxías que aseguren a rastrexabilidade dos metais
e fomenten a economía circular. Para iso, deseñará un prototipo
dixital que garanta a trazabilidade dos metais ao longo da cadea de
valor, desde a fabricación de compoñentes ata a súa recuperación
e reutilización.
Ademais,
levarase a cabo unha investigación para crear un modelo funcional e
preditivo baseado en Intelixencia Artificial que permita predicir a
demanda e dispoñibilidade de produtos e metais recuperados de
interese para o sector automotriz español e mellorar o seu
aproveitamento.
Finalmente,
en colaboración con SEAT, deseñarase un pasaporte dixital europeo
das baterías dos vehículos eléctricos, que garantirá a
sustentabilidade dos procesos na súa fabricación.
O
proxecto RELOAD está liderado pola compañía ENSO e, ademais de
Balidea, participan tamén no consorcio as empresas SEAT, Técnicas
Reunidas, Asai Industrial, CETIM, a Universidade de Zaragoza e a
Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas
(CSIC). Xuntos, traballarán para “impulsar a sustentabilidade e a
economía circular na industria do Vehículo Eléctrico e Conectado”,
explicaron fontes de Balidea.
Unha
agrupación histórica
Segundo
engade a empresa galega, Future: Fast Forward é “a maior
alianza empresarial da historia da automoción en España”. E
destaca: “A súa diversificación xeográfica e o seu completo
coñecemento de toda a cadea de valor da automoción outórganlle
unha visión integral dos pasos necesarios para desenvolver a
electrificación sustentábel da mobilidade en España”. Trátase
dun proxecto que “pode transformar España nun hub europeo
líder en mobilidade eléctrica, ademais de influír de forma moi
positiva a nivel socioeconómico pola súa capilaridade en toda a
cadea de valor do sector do automóbil”.
Coa
resolución definitiva do Ministerio de Industria finalizan os
trámites administrativos previstos para recibir os fondos do Plan de
Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea
outorgados ás empresas de Future: Fast Forward, que alcanzan
os 357 millóns de euros.