Balidea celebrou en familia os seus 15 anos de andaina

martes, 5 de decembro do 2017 Redacción

A firma compostelá Balidea, un dos nosos máximos referentes TIC (por produtos, por innovación, por presenza en mercados), festexou o pasado venres os seus 15 anos de traxectoria no sector tecnolóxico-dixital galego. O encontro, celebrado no Pazo do Faramello (Rois), xuntou a práctica totalidade dos/as 180 profesionais que conforman a empresa, procedentes da sede compostelá e das sedes de Bilbao, A Coruña, Ourense e Vigo. O director xeral de Balidea, Lorenzo Rodríguez, lembrou o camiño percorrido pola compañía: “Nestes 15 anos conseguimos grandes logros dos que temos que estar orgullosos. Non sempre foi doado, pero creo que podemos mirar con orgullo todo o traballo feito”.
Asemade, Lorenzo Rodríguez salientou as importantes contribucións da súa equipa humana: “Balidea é unha empresa creada coa finalidade de prover solucións de calidade e para iso tiñamos claro que precisabamos dos mellores profesionais”. Na celebración rendéuselles homenaxe aos 15 empregados e empregadas máis veteranos/as coa entrega dun detalle conmemorativo.
Fitos, achados e plans de futuro
Balidea comezou o seu percorrido en xuño de 2002 como software factory coa finalidade de incorporar as tecnoloxías da información ao ámbito da administración pública, no que se especializou. Hoxe é unha empresa de servizos TI que ofrece software e, ademais, consultoría e desenvolvemento, I+D+i, soporte e infraestruturas de telecomunicacións. A empresa de Santiago, como temos sinalado en múltiples ocasións dende Código Cero, non só ten presenza en Galicia, senón tamén en Euskadi, en Cataluña, en Dinamarca e no Reino Unido.
Segundo sinala a propia compañía con motivo da celebración dos seus tres lustros de andaina, a súa aposta cara ao futuro artéllase en tres eixes: a potenciación da innovación, para crear produto; a continuación da internacionalización, iniciada en Europa en 2013; e a ampliación do seu enfoque ao sector privado, no que xa incrementou a súa presenza, de xeito que actualmente constitúe o 30 % da súa facturación.
Nestes anos, Balidea levou a cabo proxectos con diversos clientes, en varios sectores (con especial fincapé na saúde) e en distintas comunidades autónomas, como Galicia, Asturias, Cantabria, Aragón, Madrid, Andalucía e Baleares.
No eido internacional, a empresa destaca os proxectos efectuados para a Axencia Danesa de Enerxía, a European Fisheries Control Agency (EFCA) da Comisión Europea ou as Nacións Unidas (ONU); Balidea é dunha das escasas compañías españolas provedora de servizos TIC para esta organización.

Lorenzo Rodríguez, director xeral de Balidea

Froito dos proxectos de Balidea, desenvólvense aplicacións e plataformas coma PREBENCAR, para a prevención de problemas cardiovasculares; UnderstAID, para a prestación de asistencia a persoas que coidan de pacientes con demencia senil; a Rede de Escolas na Nube, para compartir experiencias e materiais entre centros; Energystyrelsen, para efectuar o cálculo do investimento, o custo e o aforro enerxético dos sistemas de calefacción eficientes; ou SIGUE, para facilitar a localización en interiores de pacientes en espazos hospitalarios.
A incorporación máis recente a esta carteira de produtos é ADESTRapp, unha tecnoloxía para a análise en tempo real de vídeo deportivo en competición e adestramento que se está a utilizar por parte de equipos de máximo nivel, coma o Atlético de Madrid, o Celta de Vigo, o RC Deportivo, o PSG, o Málaga ou o Obradoiro, e en ligas da Arxentina, México, Dinamarca, Dubái ou China.

PUBLICIDADE