Balidea colaborou co congreso solidario c0r0n4c0n

luns, 13 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

Boa parte das nosas empresas TIC están a pór cadanseus gran de area para mitigar as consecuencias da pandemia COVID-19. Por exemplo a compostelá Balidea, que, segundo puidemos saber este mes de abril, foi patrocinadora de c0r0n4c0n, o Congreso de Seguridade Informática, organizado en urxencia pola comunidade hacker de España e desenvolvido integramente online entre os días 9 e 12 de abril. O evento celebrouse baixo o lema Isto parámolo hackeando. Segundo fixo saber a organización, os fondos recadados irán destinados a apoiar o Plan Cruz Vermella Responde fronte fronte ao COVID-19.
A cita resultou ser un éxito de participación (un centenar de expertos dos máis variados ámbitos tecnolóxicos) e, tamén de fondos (grazas as sesións xuntáronse 34.000 euros para doar á Cruz Vermella).
O congreso acubillou unha serie de charlas e obradoiros técnicos, que se achegaron á comunidade internauta vía streaming, en aberto, impartidos por especialistas en ciberseguridade.
Entre os relatores estivo presente Belén Pérez, profesional de Balidea, quen falou da seguridade informática en contornas industriais e infraestruturas críticas, nunha charla dirixida a todo tipo de perfís e que levou como título Lembrámonos de Santa Bárbara cando trona.

PUBLICIDADE