Balidea consegue dous recoñecementos polos portais uvigo.gal e cortsvalencianes.es

venres, 10 de maio do 2019 Redacción

Balidea, empresa TIC da nosa terra, vén de lograr dous importantes recoñecementos (dous Splash Awards) no Drupal Camp Spain, o máis importante evento estatal dos que se celebran arredor da tecnoloxía de desenvolvemento Drupal. Estes premios fóronlle concedidos á firma de Santiago polo labor levado a cabo co novo portal da Universidade de Vigo (mellor web de educación) e pola web institucional de Lles Corts Valencianes (mellor web gobernamental). As distincións recolleunas este xoves en Conil de la Frontera (Cádiz) o director de Desenvolvemento e Produción TIC de Balidea, Diego Arias. Das nove categorías existentes, Balidea triunfou en dúas.
Polo que respecta ao novo portal da Universidade de Vigo, https://www.uvigo.gal, foi premiado como a mellor web na categoría Education. O portal viu a luz en maio de 2018, tras un proceso que arrincou meses antes coa participación de varios equipos baixo a coordinación da área TIC da universidade. Balidea encargouse do desenvolvemento do portal, empregando Drupal 8. Deste proxecto destaca especialmente a reutilización de información grazas á conexión coas aplicacións de xestión coas que conta a universidade, recollendo información como o directorio, os avisos, a normativa, as convocatorias, os cursos, as actividades, as noticias e os eventos da axenda.
Polo que se refire ao portal de Lles Corts Valencianes, https://www.cortsvalencianes.es, foi merecedor do galardón na categoría de Government. Balidea desenvolveu esta web en Drupal 8. Trátase dun proxecto multisite con catro partes diferenciadas: o portal xenérico, o de Transparencia, o de Participación Cidadá e a intranet de uso interno para todo o persoal de Lles Corts. Entre as súas características destaca o acceso directo a plenos en tempo real, a xestión da documentación parlamentaria e a consulta histórico de lexislaturas, así como a integración de redes sociais e a habilitación e posta en macha dun sistema de comentarios.
Ámbalas webs desenvolvidas por Balidea participarán agora nos Global Splash Awards, que premian os mellores proxectos a nivel europeo. Estes premios entregaranse na DrupalCon Europe 2019, que se celebrará en Amsterdam do 28 ao 31 de outubro.

PUBLICIDADE