Balidea fortalece a súa vertente colaboradora en proxectos de I+D+i

martes, 19 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A empresa galega Balidea, centrada dende hai máis de quince anos no fornecemento de servizos TI (software, consultoría, desenvolvemento, I+D+i), é unha empresa nova con proxección de futuro. Isto que significa para a propia compañía? Pois segundo nos conta Óscar Vázquez, director técnico de Balidea e responsábel de Prevenda Técnica, a proxección de futuro convértese nun acicate para os novos profesionais, “que vén en nós a posibilidade de medrar nunha empresa que aborda retos tecnolóxicos”. Vázquez tamén nos leva da man aos proxectos actuais da firma e ás posibilidades importantes que se abren da colaboración con outras empresas.
-En que proxectos está a traballar Balidea na actualidade?
-Estamos a traballar en proxectos de distinta natureza tanto en administracións públicas coma entidades privadas; a nivel internacional podería destacar os servizos que estamos a prestar ao Concello de Dinamarca, cliente co que iniciamos unha alianza tecnolóxica en 2017 e co que estamos a colaborar nos seus procedementos de transformación dixital a nivel interno (intranet, portal do empregado…) e externo (proxectos web). Outro proxecto interesante iniciado a finais de 2017 en colaboración coa entidade Global Covenant of Mayors for Climate & Energy é o proxecto OpenCidi que ten por obxectivo prover información enerxética e climatolóxica sobre todas as cidades a nivel mundial. A nivel nacional, nas vindeiras semanas verá a luz o novo portal web institucional de Les Corts Valencianes. Así mesmo, non quero deixar de nomear o proxecto para a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) do sistema de información para os servizos de transporte público regular de Galicia.
-É o desenvolvemento de proxectos en colaboración con outras empresas unha oportunidade en si mesma?
-En Balidea estamos convencidos das grandes oportunidades que nos proporciona a colaboración entre empresas, temos unha gran experiencia na execución de proxectos en colaboración con distintas entidades. Dende a Oficina Técnica encargámonos de detectar as necesidades dos clientes, que derivan en oportunidades de negocio. Unha vez localizadas, buscamos a maneira de executalas internamente e, de non ser posible, botamos man da colaboración con outras empresas. Isto adoita darse principalmente en proxectos de I+D+i e resúltanos sempre unha experiencia enriquecedora.
-Cales son as fortalezas do departamento de Prevenda Técnica?
-Sen dúbida, o valor humano. O coñecemento e a experiencia da xente que conforma o equipo de Balidea. Levamos 15 anos preparando propostas e presentando ofertas. A empresa acumula unha experiencia que lle ten valido para configurar e organizar un equipo de traballo multidisciplinar integrado por profesionais experimentados, altamente cualificados e en continuo proceso de aprendizaxe. Por dar un dato, no ámbito público, presentamos unha media de 100 proxectos ao ano, cunha porcentaxe de casos de éxito dun 25%. E todo isto é unha realidade grazas á especialización técnica do equipo, un conxunto de profesionais que ofrece os seus coñecementos de maneira transversal á organización.
-Que diferencia a Balidea da súa competencia?
-A nosa principal responsabilidade é un dos eixes da nosa sustentabilidade é ofrecer aos nosos clientes solucións e servizos innovadores e cuns altos estándares de calidade. Como tal, aválannos as normas UNE-EN ISO 9001:2008, UNE- ISO/IEC 27001:2007, UNE-ISO/IEC 20000-1:2007, UNE 166002:2006, e UNE-EN ISO 14001:2004 coas que conta a empresa. Ademais, Balidea ten implantado o modelo de calidade no desenvolvemento de software CMMI (Capability Maturity Model Integration). Doutra banda, en termos funcionais e técnicos, e malia que contamos con 200 profesionais, polo que non somos unha empresa pequena, a nosa fortaleza é a axilidade á hora de executar proxectos. Gardamos un alto compromiso co noso traballo, reflectido na satisfacción do cliente. É dicir, executamos un proxecto e polo xeral continuamos traballando con el, feito que nos agrada enormemente.
-E doutra banda, para reter o talento, que medidas adopta a empresa?
-Balidea é unha empresa nova, en continuo crecemento e cunha alta proxección de futuro. Isto convértese nun acicate para os novos profesionais que ven en nós a posibilidade de medrar nunha empresa que aborda proxectos novos, e que se presentan como retos tecnolóxicos. As colaboracións que mantemos e as alianzas con empresas e entidades de calado coas que contamos supoñen, tamén, outro aliciente.

PUBLICIDADE