Balidea leva a Holanda o seu asistente virtual para o avellentamento activo

luns, 30 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O Clúster Saúde de Galicia (CSG) organiza esta semana unha misión comercial nos Países Baixos, LexSaúdeHolanda. A delegación da nosa terra contará con presenza TIC, a da firma de Santiago Balidea, que participa como referente en solucións innovadoras para o ámbito médico e asistencia social. Por exemplo o seu asistente virtual para o envellecemento activo, NETA V3A. Segundo explican fontes da firma, a viaxe está moi centrada nas solucións para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, “un ámbito no que Balidea ten unha gran experiencia”.
En particular, como dixemos, a compañía presentará en Holanda un dos seus proxectos máis recentes, NETA V3A. Trátase dun asistente no fogar pensado para favorecer os hábitos saudábeis entre as persoas de idade, que emprega diferentes vertentes tecnolóxicas (robótica, asistencia por voz, gamificación e Intelixencia Artificial) para prolongar a autonomía e independencia das e dos usuarios, así como a súa conexión activa coa contorna na que viven, tanto familiar como social.
O obxectivo xeral de LEX Holland é xuntar provedores de atención médica e de saúde, aprender e intercambiar coñecementos e experiencias na prestación de servizos de saúde e atención, co punto de mira no establecemento dunha cooperación en investigación, proxectos e oportunidades comerciais.
Balidea salientou as oportunidades que brinda a experiencia para entrar en contacto con posibles partners tecnolóxicos e referentes no ámbito do coidado das persoas maiores e a asistencia social.
Forman tamén parte da expedición as empresas Atendo (socia de Balidea no proxecto Neta V3A), Servizo Movil, Saraiva, Envita e Activiza, así como representantes da Universidade de Vigo e do Goberno de Asturias.

PUBLICIDADE