Balidea mostra en Polonia as vertentes da súa aposta polo cliente
martes, 6 de marzo do 2018
Balidea segue a estender o seu radio de acción en
Europa: amais da súa intensa actividade en Dinamarca e Reino Unido,
está a afianzar presenza en países como Polonia, onde
vén de participar no evento Best Outsourcing
Pratices Meetup, organizado en Gliwice pola empresa local
XSolve para
compartir a súa experiencia e coñecemento na prestación de
servizos tecnolóxicos a nivel internacional. O encontro tivo lugar o
pasado xoves 22 de febreiro e nel estiveron presentes outras empresas
tecnolóxicas de Holanda, Dinamarca, Italia, Alemaña, Sudáfrica e
Cataluña.
Por Balidea interveu Iago Fernández Bugallo,
director de proxectos internacionais da empresa de Santiago, que
salientou a importancia de achegar un valor engadido ao cliente.
“Balidea non só presta servizos, senón tamén talento. Os nosos
profesionais son capaces de entender ao cliente máis aló das súas
necesidades concretas de software, axudándolle a mellorar o seu
negocio”, engadiu.
Segundo informa a compañía TIC galega, a
devandita foi a segunda xuntanza desta índole organizada por XSolve,
que decidiu contactar con Balidea “pola súa grande
experiencia na externalización de servizos tecnolóxicos a nivel
internacional”. Para Balidea foi “unha oportunidade para coñecer
como empresas do sector prestan servizos semellantes, poñer en común
boas prácticas e identificar cales son as principais liñas de
traballo no ámbito do outsourcing tecnolóxico”.
