Balidea participa no proxecto para converter España nun hub europeo do vehículo eléctrico

xoves, 5 de maio do 2022 S. P.

Os socios de Future: Fast Forward, liderada polo Grupo Volkswagen e SEAT, e entre os que se atopa a tecnolóxica galega Balidea, rexistraron o proxecto ao PERTE para o Vehículo Eléctrico e Conectado (VEC) co obxectivo “converter a España nun hub do vehículo eléctrico en Europa”. Formado por un total de 62 empresas nacionais, internacionais e referentes de distintos sectores, incluído o tecnolóxico-dixital, constitúe a maior agrupación empresarial da historia da automoción en España.
Por comunidades, abrangue compañías de 11 autonomías (Andalucía, Aragón, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Navarra e Euskadi), o 61% das cales son pemes, e entre todas cobren a cadea de valor do vehículo eléctrico na súa totalidade.
O proxecto presentado, que contou coa colaboración de PWC, está formado por catro eixos principais. O proxecto tractor, liderado por Seat e o Grupo Volkswagen, aspira a electrificar as fábricas de Martorell e Pamplona. O segundo piar do proxecto do grupo empresarial é a creación de todo o ecosistema de baterías para coches eléctricos en España, que engloba desde a extracción do litio nas minas ata a ensamblaxe de baterías, incluída unha gigafactoría de baterías en Sagunto (Valencia).
O terceiro eixo contempla a localización en España de compoñentes esenciais para vehículos eléctricos e, o cuarto, inclúe ámbitos relacionados coa formación, a dixitalización e a economía circular.
En conxunto, o proxecto cobre os nove bloques do PERTE do Vehículo Eléctrico e Conectado.
Balidea participa a través do proxecto primario RELOAD
Balidea participa nesta proposta dentro do proxecto primario RELOAD, que ten como obxectivo xeral “contribuír dunha maneira eficiente e segura á subministración de metais de alto valor na cadea industrial do Vehículo Eléctrico e Conectado (VEC), reducindo a dependencia de importacións e impulsando un modelo industrial sustentábel, circular e con menor pegada ambiental”.
En particular Balidea participará no obxectivo específico de “integrar o uso de tecnoloxías dixitais como ferramentas facilitadoras para o impulso de procesos de reciclaxe, mediante a investigación de tecnoloxías que garantan a rastrexabilidade de metais impulsando a economía circular”, segundo indican fontes da empresa compostelá, que engaden que para o dito cometido realizarase o deseño dun prototipo dixital baseado en tecnoloxía Blockchain que garanta a rastrexabilidade dos metais en toda a cadea de valor, desde a fabricación de compoñentes, uso destes compoñentes, recuperación e reutilización dos metais para garantir a sustentabilidade dos mesmos e a eficiencia no uso dos recursos.
Ao mesmo tempo levará a cabo unha investigación para a creación dun modelo funcional e de predición baseado en Intelixencia Artificial (IA), que permita predicir a dispoñibilidade e a demanda de produtos/metais recuperados de interese para o sector automobilístico español e, polo tanto, “que axude a planificar o seu aproveitamento óptimo”.
Por último, deseñarase, en colaboración con SEAT, un pasaporte dixital europeo de baterías de vehículos eléctricos.
O proxecto RELOAD está liderado pola compañía ENSO. No consorcio participan tamén as empresas SEAT S.A., Técnicas Reunidas, Asai Idustrial, o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), a Universidade de Zaragoza e a Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas, M. P.
Asemblea xeral dos socios
O pasado venres 29 de abril celebrouse en Madrid a primeira asemblea xeral dos socios de Future: Fast Forward, coa participación de representantes de todas as empresas que forman parte do proxecto, incluído o director xeral de Balidea, Lorenzo Rodríguez.
Marc Rise, director de Estratexia de Compras e Novos Proxectos de SEAT, foi nomeado presidente da asemblea xeral da agrupación Future: Fast Forward, un órgano de representación que se reunirá polo menos dúas veces ao ano.
Os socios formaron tamén unha comisión delegada, que se reunirá de maneira periódica para velar polo cumprimento do PERTE. Esta comisión estará presidida tamén por Marc Rise.
Socios do proxecto
Altech, Asai Industrial, AZTERLAN, Balidea, BeePlanet Factory, Bosch, Brose, CARTO, CELSA Group, CETIM, CIDETEC, CENIM - CSIC, CERLER Global Electronics, CYP Core, Delta Vigo, ENSO, Feníe Energía, FORMINSA, GCR Group, Gestamp, Glavista, Gonvarri, Grupo Sesé, Grupo Simoldes, Iberdrola, Intrustial, IMS Technology, Ingedetec, Instituto Universitario Investigación (CIRCE) Universidad Zaragoza, isEazy, ISEND, Kapture.io, Kautenik, Kivnon, Lazpiur, Leartiker, Libelium, Lithium Iberia, Malena Engineering, Mindcaps, Mol-Matric, Motorland Aragón, NTDD, NUTAI, Órbita Ingeniería, Pomceg Electronics, POWER Innotech, Power HoldCo Spain, SEAT CODE, SEAT MÓ, SEAT S.A., Silence, Grupo SPR, Sumitomo Electric Bordnetze, Técnicas Reunidas, TECOI, Valeo, Vega Chargers, Vicomtech, Volkswagen Navarra, WIP e Zylk. Colaboradores do proxecto: CaixaBank, Eurecat, FICOSA, ITAINNOVA e Telefónica España.

PUBLICIDADE