Balidea presenta con éxito o seu proxecto GiDi en Dinamarca
luns, 27 de xaneiro do 2025
Balidea presentou en Dinamarca as posibilidades do seu asistente virtual GiDi, ferramenta deseñada para a axuda sanitaria en domicilios. O sistema, segundo informou a empresa tecnolóxica de Santiago, deixou en terras nórdicas “un feedback positivo en cada unha das reunións organizadas”. Valoráronse por exemplo as súas capacidades para revolucionar o traballo na atención médica ao aforrar tempo e recursos aos médicos, o fortalecemento da eficiencia ou a mellora na comunicación cos pacientes.
Vantaxes e utilidades (avanzadas) de GiDi
Como lembraremos, GiDi dá nome a un proxecto de investigación desenvolvido por Balidea en colaboración con IDMind, a Universidade de Vigo e a Fundación IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago). Está subvencionado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) e financiado polo programa Eurostars-3 da Unión Europea e consiste nun asistente virtual robótico que permite o seguimento dos pacientes desde o seu propio fogar. O obxectivo é “establecer unha vía de comunicación constante cos pacientes por medio da voz”. Empregando tecnoloxías da linguaxe, e en base aos criterios establecidos polos profesionais sanitarios, GiDi realiza un seguimento, clasifica aos pacientes segundo a gravidade da súa condición e implementa protocolos personalizados de actuación. Deste xeito, os profesionais sanitarios poden centrarse naqueles doentes que requiren de atención inmediata.
Viaxe a Dinamarca (e presentacións previas)
Trala participación de Balidea no programa Desafia Nordics, organizado por Red.es e ICEX en novembro de 2024, o interese manifestado sobre o traballo da empresa compostelá en materia de IA (Intelixencia Artificial) e tecnoloxías aplicadas á área sanitaria fixo que recentemente un equipo formado por José Ángel Abeal, Anders Elfving, Iago Mosquera e Andrés Piñeiro viaxase a Dinamarca para manter diversos encontros con potenciais clientes e colaboradores.
Nestas reunións presentouse GiDi, o asistente para a orientación de pacientes no seguimento de protocolos médicos, que facilita a monitoraxe en tempo real e a comunicación cos profesionais sanitarios (especialmente pensado para o apoio na hospitalización a domicilio).
O proxecto contou coa participación da unidade de Hospitalización a Domicilio do CHUS de Santiago, abordando problemas globais dos sistemas de saúde das sociedades occidentais polo que, segundo explicou Balidea, “está a ter gran aceptación naquelas organizacións e partners aos que se presentou, tanto en España como no ámbito internacional”.
De entre as reunións que se celebraron Balidea destaca a realizada na rexión de Zealand, onde se lanzou o proxecto eHospital, no que se levou o concepto de Hospital en Casa a un nivel de desenvolvemento moi avanzado con algúns resultados “moi espectaculares”, segundo destacou a firma de Santiago, salientando fitos como a redución no tempo de ingreso dos pacientes (70%), a redución (entre un 30 e un 57%) dos custes para ingresos en eHospital ou a caída no número de infeccións hospitalarias e deterioración funcional derivada da hospitalización.
Un proxecto que responde a unha pregunta concreta
GiDi desenvolveuse como resposta á unha pregunta: como se poden facer máis eficientes os procesos de seguimento para pacientes hospitalizados no seu domicilio?. Cunha premisa social e de sensibilización para axudar aos máis maiores, permite a monitoraxe en tempo real mediante o rexistro de datos clínicos relevantes, como signos vitais, síntomas e medicación, directamente na historia médica electrónica. Incorpora un sistema de alarmas intelixente capaz de detectar situacións de risco e notificar aos profesionais sanitarios cando é necesaria unha intervención urxente. Ademais, ofrece recomendacións personalizadas para os pacientes, como recordatorios de medicación, consellos de coidado adaptados e alertas proactivas para mellorar a adherencia ao tratamento. Isto conséguese mediante a interpretación duns protocolos detallados, conectándose en tempo real a fontes de información ou a servizos externos e procesar datos para xerar informes, resumos ou conversacións personalizadas.
Unha das principais vantaxes deste sistema é a súa flexibilidade multicanle, o que lle permite integrarse en plataformas web, aplicacións móbiles, sistemas de mensaxería como WhatsApp ou mesmo servizos telefónicos, garantindo que poidan ser utilizados en distintos contextos e contornas. Outros casos de uso esténdense a diferentes funcións e niveis, como enfermería, tarefas administrativas e xestión de pacientes. Estas capacidades permiten que os axentes de IA non só proporcionen información, senón que tamén asistan en procesos complexos automatizando tarefas e facilitando a interacción con sistemas externos en tempo real.