Balidea presenta tecnoloxía intelixente para a construción sustentábel en madeira
martes, 28 de xullo do 2020
Balidea
presentou este mes de xullo o prototipo da ferramenta intelixente do
Grupo Operativo Madera Construcción Sostenible (GO Madera). E
fíxoo o pasado 23 no marco da celebración online dos
Encontros Multisectoriais, en cuxa última sesión o responsábel
técnico da compañía TIC da nosa terra, Felipe Rivero de Aguilar,
deu a coñecer os detalles do proxecto, no que é socio Balidea,
amais dos resultados ambientais e técnicos obtidos polo Grupo
Operativo ao abeiro desta iniciativa tecnolóxica. Segundo fixo saber
Rivero de Aguilar, dende Balidea e GO Madera realizouse un detallado
traballo de análise para poder trasladar as complexas estruturas dos
datos dos produtos e solucións construtivas a unha contorna web que
puidera ser aproveitada polo maior número de usuarios finais. O
obxectivo, dixo, “é que esta ferramenta sirva para axudar na toma
de decisións sobre futuros proxectos arquitectónicos”.
A
ferramenta intelixente, engadiu, consiste nun buscador para a
selección de produtos e solucións de madeira destinados á
construción, que contén información técnica e ambiental dos
mesmos: “As procuras pódense facer mediante palabras clave ou
seleccionando filtros atendendo a certas características, xa se
estea buscando un produto ou unha solución construtiva; unha vez
elixido o produto ou solución, facilítase unha ficha con todos os
datos técnicos”, explicou o responsábel técnico de Balidea,
engadindo que no caso das solucións construtivas “móstranse os
produtos relacionados, con diferentes variacións, mesmo con
materiais que non son de madeira”.
Rivero
de Aguilar tamén explicou que para simplificar o manexo e “acadar
un total entendemento por parte dos usuarios”, optouse por un
deseño limpo e contemporáneo da ferramenta, optimizándoa para
poder ser consultada dende calquera dispositivo.
A
aplicación estará dispoñíbel na web www.maderia.es, de balde,
para a súa libre consulta e utilización.