Balidea, recoñecida como provedora do sector público danés
luns, 27 de maio do 2019
A
empresa galega Balidea, unha das novas firmas tecnolóxicas con maior
presenza internacional, vén de dar un novo paso no seu proceso de
afianzamento no mundo, xa de por si consolidado. Este
novo paso ten como escenario Dinamarca, que vén de converter a
empresa tecnolóxica con sede principal en Santiago en provedora
homologada de solucións e proxectos TIC do sector público do país
nórdico.
Esta
novidade sitúa a Balidea na listaxe de empresas que cumpren cos
requirimentos precisos elaborada por SKI, a entidade mediadora para
os procesos de contratación pública en Dinamarca. A
distinción-recoñecemento serviralle para consolidar a súa imaxe
ante os seus clientes habituais e abrir a posibilidade de concorrer a
un maior número de licitacións públicas.
En
palabras da empresa, “a homologación supón un gran logro e unha
interesante oportunidade para Balidea, nun país no que cada ano o
sector público gasta aproximadamente 40 mil millóns de euros en
bens e servizos proporcionados por empresas privadas”.
A
firma galega tamén lembra que a súa andaina en Dinamarca comezou en
2012 e desde entón desenvolveu máis dunha trintena de proxectos
neste país, moitos deles en colaboración con compañías como
Kruso, ScanEnergi ou Ennova. Amais, conta coa confianza de entidades
como a Axencia Danesa da Enerxía e o Concello de Copenhague.