Balidea suma forzas á formación dual para a nosa mocidade

mércores, 3 de xullo do 2019 Redacción

A empresa TIC Balidea vén de sumarse á formación dual como empresa colaboradora do novo Ciclo Superior de Desenvolvemento de Aplicacións Web, que se levará a cabo no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense. Segundo lembra a compañía tecnolóxica con sede principal en Santiago, trátase dunha boa oportunidade para que as e os estudantes se formen e traballen ao mesmo tempo, e para que coñezan de primeira man as demandas profesionais do sector do TIC.
A formación dual impulsada ao abeiro do convenio asinado coa Consellería de Educación busca “a cualificación profesional das persoas, harmonizando os procesos de ensino e aprendizaxe entre os centros educativos e os centros de traballo”. A contribución de Balidea ao dito convenio consiste no desenvolvemento dun período de prácticas profesionais na empresa, para o cal o alumnado percibe unha bolsa.
O obxectivo é que a empresa e o centro de formación profesional traballen de maneira conxunta para favorecer un maior coñecemento entre o alumnado das demandas e necesidades do mercado laboral e impulsar a súa inserción. “Para iso estarán tutelados por profesionais altamente cualificados e con moitos anos de experiencia”, explica Balidea, engadindo que o devandito ciclo superior (unha nova titulación do ámbito das novas tecnoloxías) céntrase no emprego de software para desenvolver, implantar e manter aplicacións web. Conta coa colaboración de dúas empresas referentes do sector, Balidea e Plexus.

PUBLICIDADE