Balidea volve colaborar coa formación avanzada da UDC en estratexia dixital
mércores, 4 de abril do 2018
A empresa galega Balidea vén de
renovar o seu compromiso coa formación avanzada en novas ferramentas
e novos xeitos de crear proxectos empresariais que marquen un antes e
un despois na liña evolutiva do mercado. Este compromiso
materialízase na súa continua colaboración co Máster
en Innovación e Estratexia Dixital da Universidade da Coruña,
unha
colaboración que chega ao seu terceiro ano e que collerá corpo,
novamente, coa implicación directa dos responsables de Balidea na
achega de contidos. Máis polo miúdo, a empresa guiará ao
alumnado no desenvolvemento dun proxecto práctico de innovación
empresarial.
Como punto de partida organizouse unha sesión
teórica, que tivo lugar o pasado 23 de marzo, impartida por José
Ángel Abeal, director de Desenvolvemento de Negocio de Balidea, na
que se realizou unha presentación dos proxectos máis innovadores da
compañía e trasladáronse unha serie de claves como preparación
previa ao período práctico.
Agora, en base ao devandito, os participantes
deberán simular a creación dunha start up, elaborando o
seu plan de empresa e mercado, o seu catálogo de produtos
innovadores e a súa estratexia de mercadotecnia dixital.
Balidea colabora con este posgrao desde o curso
2015-16. Está dirixido polos catedráticos de Análise Económica
José Manuel Barreiro e Andrés Faíña e céntrase no coñecemento
práctico das novas ferramentas de márketing dixital e
xestión empresarial da innovación, que son transversais a todas as
áreas de coñecemento, actividades profesionais e sectores
económicos.
Ao completar o mestrado as/os estudantes poderán
deseñar plans de mercadotecnia dixital, con capacidade para
coordinar a construción de páxinas web de empresa e plataformas de
comercio electrónico, así como criterios para a creación de marca
no ámbito dixital. Segundo engade Balidea, os contidos tamén as/os
capacitarán para instrumentar, avaliar e financiar proxectos
innovadores: como crear novos produtos e servizos, encaixándoos no
mercado e nas preferencias dos clientes; desenvolver un modelo de
negocio viable, financiar proxectos innovadores, elaborar previsións
de fluxos de caixa, presentar proxectos e procurar investidores
axeitados.
