Barbanza acolle un novo curso de mercadotecnia dixital de Paideia, a Deputación da Coruña, a EOI e Deloa
martes, 7 de marzo do 2023
A
comarca do Barbanza acolle este 2023 unha nova edición dun programa
formativo que capacita ás persoas asistentes nos novos formatos,
canles e vertentes da mercadotecnia e da publicidade, un ámbito de
acción de gran interese para todas as empresas de calquera sector.
Estamos a falar do curso Marketing
Dixital. Empregabilidade e Cooperativismo, iniciativa
conxunta da Fundación Paideia a Deputación da Coruña, a EOI
(Escola de Organización Industrial) e Deloa. Os
detalles da nova edición foron dados a coñecer este martes 7 de
marzo en Boiro, con motivo da súa posta en marcha. O deputado de
Emprego, José Ramón Rioboo, e o alcalde Boiro, José Ramón
Romero, participaron na xornada inaugural, no Centro Social de Boiro.
Este
programa formativo organizado pola Fundación Paideia Galiza xunto a
Escola de Organización Industrial, a Deputación da Coruña e a
Asociación de Desenvolvemento Local Deloa está dirixido a menores
de 30 anos en situación de desemprego. Levarase a cabo de modo
presencial entre os meses de febreiro e xuño e poderá realizarse en
calquera das 3 edicións que se celebrarán de forma simultánea nos
concellos ou agrupacións de concellos da provincia, a saber, Coruña,
Boiro-Noia-Outes-Lousame, e Rianxo-Dodro-Rois.
Ademais
de recibir máis de 200 horas de formación, as persoas participantes
poderán gozar da experiencia de pasar unha semana noutra cidade de
España coñecendo empresas e casos de éxito no sector da
mercadotecnia dixital e o cooperativismo.
A
participación neste programa formativo é totalmente gratuíta e
contará con recoñecidos/as profesionais ds ditos ámbitos,
referentes tanto a nivel galego como nacional. As clases grupais
levaranse a cabo de modo presencial e realizaranse titorías
individualizadas e grupais para o desenvolvemento de proxectos de
cooperativismo no sector da mercadotecnia tecnolóxica. Ademais, as
persoas participantes contarán co asesoramento da consultora Ernst &
Young para o desenvolvemento dos seus proxectos cooperativistas.
Durante
a mañá deste 7 de marzo celebrouse ademais unha formación
económico-financeira impartida polo asesor en emprendemento Brais
Pérez Gómez á que asistiron as persoas participantes inscritas
nesta edición; a presentación da cooperativa gañadora da primeira
edición, Kracia; e unha rolda de intervencións na que o deputado da
área de emprego da Deputación destacou que “esta asociación
estratéxica con Paideia, coa que vimos colaborando desde hai anos, e
coa EOI vainos permitir ofrecer á mocidade novas oportunidades
formativas e laborais nun eido de gran proxección de futuro, como é
o do marketing dixital”.
