BenQ presenta un proxector 4K con HDR que custará 1.599 euros

mércores, 15 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que os televisores de ultra alta definición con HDR teñen prezos accesibles dende hai tempo, no caso dos proxectores de vídeo a cousa non é así, e unha da mellores opcións domésticas que atoparemos para poder gozar de cine en casa coa mellor calidade posible é o novo proxector DLP de BenQ, o CineHome W1700, que ofrece unha resolución real de 8,3 Mpíxeles (ou sexa 4K), precisión CinematicColor e HDR10 optimizado para proxección, que a primeiros do mes de xaneiro venderase en Europa a 1.599 euros.
Aínda que o prezo do proxector parece elevado, cómpre lembrar que ofrece unha resolución que en toda Galicia non ofrece ningún cine comercial, o que sumado ao HDR permite unha experiencia impresionante. Tamén resulta destacable o feito de que poida proxectar unha imaxe de 100 polgadas a só 3,8 metros de distancia e a súa lámpada teña unha vida de até 15.000 horas, de xeito que o seu custo de posesión non sería moi elevado.
A nivel técnico podemos mencionar que ten unha luminosidade de 2.200 lumenes ANSI, unha relación de contraste de 10.000:1 e que incluso integra un altofalante de 5 watts. Tamén está equipado tanto con entrada VGA como un par de portos HDMI, de xeito que pode conectarse comodamente a ordenadores persoais, consolas de videoxogos, reprodutores de Blu-ray 4K e outros trebellos que permitan tirar proveito das posibilidades deste proxector que, pese a que o fabricante practicamente o ignore na súa posibilidade, tamén é compatible con contidos en 3D (para o que habería que adquirir lentes).

PUBLICIDADE