Durante o Simposio ITxpo 2013 organizado por Gartner non só Ballmer confirmou que o MS Office estará dispoñible para o iPad, senón que tamén BlackBerry aproveitou o encontro para facer un importante anuncio: a compañía canadense está a preparar un servizo na nube para unha xestión de dispositivos móbiles na empresa dun xeito sinxelo e seguro, con independencia de que os trebellos sexan BlackBerry ou operan con Android ou iOS, mantendo un custo asumible (aseguran que custará mensualmente menos que un café).
O servizo na nube de BlackBerry non precisará de coñecementos técnicos para a súa xestión, estará preparado para a práctica emerxente do BYOD (que consiste no uso do propio hardware dos traballadores dentro da empresa) e resulta moi flexible: non precisa da instalación de servidores (nin hardware nin software), permite a administración de smartphones e tablets a través unha consola web, permite que os administradores fagan unha selección de aplicacións para facilitar a súa distribución entre os distintos dispositivos e os propios usuarios tamén poden beneficiarse do uso dunha consola de auto-servizo (para, por exemplo, mudar de contrasinal ou bloquear/borrar o seu terminal remotamente sen ter que contactar co administrador).
En vista deste lanzamento dá a impresión de que BlackBerry está a dar por perdida a guerra dos smartphones, e vai centrar a súa estratexia en ofrecer servizos profesionais (que é a súa principal fonte de ingresos actualmente).
BlackBerry prepara un servizo na nube de xestión de dispositivos móbiles
Compartir Este Artigo

