Blackmagic presenta unha cámara RAW 4K de prezo moi axustado

luns, 9 de abril do 2018 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración do encontro profesional NAB Show en Las Vegas deixouse ver unha interesante cámara 4K portátil de Blackmagic Design, a Pocket Cinema Camera 4K, que estaría equipada cun sensor micro catro terzos de tamaño completo que internamente gravaría vídeo a 4.096 x 2.160 píxeles en 12 bits RAW ou 10 bits ProRes con soporte de HDR e que destacaría por ter un prezo de só 1.295 dólares (1.050 euros), o que sería preto da metade do que custarían outras cámaras RAW 4K orientadas á gravación de vídeo.
Esta nova cámara ten un corpo de fibra de carbono, para ser lixeira, conta con numerosos controis físicos e unah zona de agarre de grande tamaño para conseguir un manexo confortable. O sensor da cámara ten un rango dinámico de 13 paradas, e unha ISO de até 25.600, de xeito que consegue un bo comportamento con pouca luz. Grava en tarxetas SD, UHS-II ou CFast 2.0, sendo tamén posible conectarse unha unidade de disco por USB-C para realizar as gravacións en unidades externas que poder conectar logo directamente a un equipo informático para a súa edición ao momento (sen ter que esperar á transferencia de ficheiros).
A Pocket Cinema Camera 4K de Blackmagic Design ten unha pantalla táctil 5K na súa parte traeira e para a gravación de audio conta tanto con entrada de jack de 3,5 milímetros como entradas mini-XLR alimentadas por phantom.

PUBLICIDADE