Blu:sens, eBay e Idealista.com, no Congreso de AJE Galicia que comeza este xoves
xoves, 30 de xuño do 2011

- O evento contará coa presenza de Ana Díaz, do portal de poxas eBay
Este xoves 30 de xuño abre as súas portas no
Centro Social de Novacaixagalicia de Vigo a cuarta edición do Congreso Internacional de AJE Galicia,
un encontro que contará coa presenza de máis de 330 empresarios e directivos de
España e Portugal, todos eles directa ou indirectamente ligados ao fenómeno da
Sociedade da Información. A citra, que dará comezo ás 10.30 e proseguirá logo
cun acto oficial de apertura no que participará o alcalde de Vigo, Abel
Caballero, xirará máis que nunca arredor das redes e das posibilidades que nos
ofrecen en materia de posta en marcha dun negocio ou ben na mellora dos que xa
están en activo. Esta disposición cara ao dixital tamén se deixará notar na
propia feitura do congreso, máis que nunca unha comunidade social 2.0, tal e
como se desprende do epígrafe desta edición: Networking: creando redes.
Polo evento, que ficará aberto ao longo de
dous días, tamén achegarán os seus puntos de vista de Emilio Duró (a quen
puidemos ver hai pouco nas xornadas sobre liderado do CPEIG en Santiago), José
Ballesteros de la Puerta (experto en desenvolvemento persoal e innovación), Jesús
Encinar (Idealista.com), Ana Díaz Sacristán (eBay) ou Juan Carlos Vez (da firma
galega Blu:sens).
Amais disto e en virtude dun acordo de
colaboración asinado entre AJE Galicia e a Universidade de Vigo, o evento
achegará unha mesa redonda dedicada ao emprendemento e a consolidación de
empresas, na que falarán, entre outros, Luis Bonet (presidente do Grupo
Freixenet) e Elías Pérez (xerente de Quobis Networks).
O devandito acordo, segundo contan dende a organización, tamén prevé a creación
dun comité mixto que se encargará de seleccionar, entre os estudantes que se
presenten ao Premio Joven Empresario (na categoría de Emprendedor), a
tres universitarios “que poderán charlar cara a cara cun dos tres relatores
máis destacados do programa”.
Como evento paralelo ao Congreso, celebrarase a I Xornada de Oferta
e Demanda Tecnolóxica da comunidade, que ten como obxectivo “abrir un
espazo de encontro no que as empresas poidan detectar oportunidades de
colaboración e negocios baseados no desenvolvemento tecnolóxico”.
