A Xunta destina máis de 700 mil euros a fomentar a formación dixital nas aulas CeMIT durante este ano

luns, 8 de xuño do 2026 Redacción

O Consello da Xunta foi informado sobre a concesión de 722.271 euros a 59 concellos de Galicia que acollen aulas CeMIT de referencia, unhas axudas destinadas ao desenvolvemento de actividades de formación dixital durante o ano 2026. Estas asignacións económicas enmárcanse no convenio subscrito entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), cuxo acordo para a xestión do Plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT foi prorrogado recentemente ata o ano 2029.
Para poder optar a estes fondos, os municipios tiveron que acreditar uns mínimos de actividade anual. Os concellos de máis de 5.000 habitantes, que reciben unha partida de 15.000 euros, deberon xustificar máis de 200 horas de formación. Pola súa banda, as localidades con menor poboación, que reciben 7.251 euros, tiveron que certificar polo menos 100 horas formativas. Os criterios obxectivos para a distribución do crédito foron decididos pola comisión de seguimento do citado convenio.
A rede CeMIT, promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), constitúe un instrumento estratéxico para o fomento da alfabetización e o desenvolvemento das competencias dixitais dos cidadáns galegos. Na actualidade, o sistema dispón de 93 aulas emprazadas en 90 concellos, o que supón unha cobertura que alcanza a práctica totalidade das comarcas da comunidade. Desde o inicio da súa actividade no ano 2011, o proxecto suma máis de 130.000 usuarios rexistrados (dos cales o 60% son mulleres) e acumulou máis de 660.000 horas de docencia.
O informe presentado hoxe destaca os avances do Plan de reforma e ampliación da Rede CeMIT, unha iniciativa que supuxo un investimento de máis de 2 millóns de euros desde o ano 2023. Entre as súas principais liñas de actuación atópase a dotación de equipamento tecnolóxico innovador (como impresoras 3D, drons e dispositivos de realidade virtual), a modernización das súas plataformas dixitais e a posta en marcha dunha aula móbil itinerante que visitou 27 localidades rurais en maio de 2026. Así mesmo, o documento subliña a progresión do programa de Certificación galega en competencias dixitais (ComDix), que ofertou máis de 12.000 prazas desde 2024 e acadou a cifra de 4.066 usuarios certificados ata a data.