Blusens abre un Foro de Desenvolvedores de aplicacións para o seu web:tv

luns, 24 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

Blusens, a multinacional galega fabricante de electrónica de consumo de última xeración que aposta por achegar a mellor relación calidade-prezo nos seus produtos, vén de anunciar a apertura dun Foro de Desenvolvedores (Apps Developers) para permitir a creación de aplicacións externas para o web:tv, o seu produto estrela, no que xa colabora con Maxlinear no tocante á alta definición.
Este Foro, dispoñible na URL http://developers.blusens.com, está soportado directamente polo equipo de I+D e dota da información necesaria para que calquera desenvolvedor ou usuario poida crear aplicacións para o web:tv.
Blusens ofrece deste xeito un punto de encontro para todas aquelas persoas que queiran ir un paso por diante e desenvolver as súas propias aplicacións, ou simplemente dar unha volta polas novas funcionalidaes e novidades que a comunidade publique, ademais de manterse totalmente actualizadas sobre as novas funcionalidades que, de maneira continua, se lle engaden ao dispositivo.
Xa que logo, este novo Foro está pensado, segundo informan dende a compañía, “para dar soporte, mediante documentos, titoriais, guías e novas, contando coa atención directa por parte dos creadores do web:tv”.
Asemade, no Foro están dispoñibles o SDK para o desenvolvemento de aplicacións, firmwares en estado beta para probas e permite a descarga directa de aplicacións para o web:tv que se vaian incorporando paseniñamente.