Blusens renova a súa gama de reprodutores MP3 con tres novos modelos
luns, 10 de setembro do 2007
A empresa galega Blusens, especializada en electrónica de consumo de última xeración, vén de anunciar a renovación do seu catálogo de entrada de reprodutores MP3 coa presentación de tres novos modelos, P11, P14 e P25, que incorporan (segundo apunta a firma con sede en Santiago) as últimas novidades tecnolóxicas do mercado.
Ademais das prestacións e a funcionalidade ás que nos ten afeitos Blusens, estes novos modelos inclúen o vídeo exclusivo Ode To Action, unha recompilación das escenas máis espectaculares da saga de A Xungla de Cristal, incluíndo imaxes inéditas da última entrega, A Xungla 4.0.
Entre estes novos produtos cómpre salientar o Blusens P25, dispositivo ultracompacto (76 x 41 x 9 mm e 36 gramos de peso, batería incluída) que chama á atención polo seu deseño minimalista e o seu innovador teclado táctil retroiluminado en azul. Permite reproducir audio MP3 e WMA e a súa pantalla de 1,8 polgadas e 260.000 cores achega marxe abonda para o visionado de vídeo AVI (vid) en formato panorámico. Inclúe funcións de visor de fotografías, radio FM integrada, altofalante traseiro e gravador de voz e audio e preséntase en versións de 1 e 2 XB.
Tanto o P25 como os seus “curmáns” P11 e P14 veñen con manual de usuario en castelán, cable USB, batería de litio, cargador de corrente, auriculares estéreo e software conversor de vídeos ó formato máis apropiado para a pantalla.