Boa acollida do vídeo dun rapaz pedindo traballo e máis inserción laboral dos colectivos en risco
martes, 24 de xaneiro do 2012
Xa o levamos dicindo dende hai anos, facéndonos eco do que din as organizacións sen arela de lucro comprometidas coas persoas con diversidades funcionais, psicolóxicas ou con dependencias: as novas tecnoloxías non teñen por que ser un atranco para a vida en sociedade dos devanditos colectivos senón todo o contrario. De feito, favorecen moito a normalización da súa participación en sociedade. Hai moitos casos disto pero se cadra un dos máis salientábeis estes días é o de Luis Castro, un rapaz con diversidade que recibiu, grazas a un vídeo de seu, preto de 100.000 descargas en YouTube da súa achega. E só en catro días.
O vídeo en cuestión é fillo do seu tempo. De feito, trátase dunha campaña viral inserida dentro dunha campaña máis grande de sensibilización cidadá que vén da man da ONCE e FSC Inserta para favorecer a inclusión laboral das persoas en risco de exclusión. Este programa conta con financiamento do Fondo Social Europeo. Volvendo ao vídeo, dicir que Luis Castro é o protagonista absoluto, constituíndo a peza un chamamento directo, valente, a quen dirixe as rendas do tecido produtivo, os empresarios, para que poñan todo o posíbel da súa parte para rematar co paro e, tamén, para favorecer a integración laboral de tódolos colectivos, teñan as diversidades que teñan. No vídeo, Luis diríxese ao empresario ao que lle pide un posto de traballo, seguro da súa capacidade para poder desenvolvelo. A peza remata desta maneira: “Se me contratas vou ter a oportunidade de demostrarche que vou facer o traballo igual que calquera outra persoa, que vou ter mais ganas que ninguén e que lle vou dar un aire novo á túa empresa. Se máis empresarios fan coma ti, entre todos imos facer un mundo mellor”.
Segundo apuntan dende a Fundación ONCE e máis dende FSE, este viral, creado e realizado pola axencia Tiempo BBDO no marco do Programa PorTalento, cofinanciado pólo FSE e que ten como fin fomentar o emprego e a formación das persoas con calquera tipo de característica física, sensorial ou psicolóxica, converteuse na voz de moitas persoas con diversidades funcionais ou psicomotrices que aínda hoxe non teñen a oportunidade de demostrar a súa valía.