Boeing visita a Aula Newton Galicia, a única permanente de toda España
mércores, 14 de xuño do 2023
A
Aula Newton Galicia, a única que existe en España con carácter
permanente, leva un ano e medio de exitosa actividade no Parque
Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en San Cibrao das Viñas
(Ourense), achegando coñecementos gratuítos de aeronáutica,
ciencias, tecnoloxías, enxeñaría e matemáticas a alumnas e
alumnos da ESO. A aula, impulsada conxuntamente pola multinacional
aeroespacial Boeing, a organización norueguesa sen ánimo de lucro
FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia (GAIN) e Tecnópole, no marco
do Polo Aeroespacial de Galicia, foi
visitada na mañá deste mércores 13 de xuño por representantes de
Boing, precisamente.
Foi
no marco dunha xornada de portas abertas na que participaron
responsables das diferentes entidades promotoras desta iniciativa.
Asistiron, entre outros representantes, o director de Estratexia e
Desenvolvemento de Negocio de Boeing Research &
Technology-Europe, Eduardo Carrillo de Albornoz-Braojos; a directora
executiva de FIRST Scandinavia, Alysia Tofflemire; e o director do
Parque Tecnolóxico de Galicia, Javier Taibo; xunto a alumnado e
docentes da Aula.
Este
xoves, 15 de xuño, haberá unha nova xornada de portas abertas para
o público interesado, que poderá participar na actividade A
aventura de voar, converténdose en pilotos por un día de xeito
divertido e práctico.
Orixes
Desde
a súa apertura en outubro de 2021, a Aula Newton acolleu 93 centros
de educación Secundaria procedentes de todas as provincias galegas,
cun total de 2538 estudantes. No ano escolar 2021-2022, 30 centros e
907 estudantes desfrutaron desta experiencia innovadora, e no que vai
do ano escolar 2022-2023 acolleu 63 centros e 1631 estudantes.
“Trátase dun espazo de aprendizaxe amplo, permanente e totalmente
equipado, aberto ao alumnado de toda a comunidade”, explicaron
fontes da Tecnópole, engadindo que por mor do éxito acadado, o
parque tecnolóxico adquiriu recentemente un cuarto simulador de voo
profesional, coa finalidade de poder ampliar a oferta a máis rapaces
e rapazas.
“Desde
o establecemento da Aula Newton Galicia, hai só ano e medio, demos
pasos importantísimos”, destacou Eduardo Carrillo, apuntando que
“grazas á sólida relación de cooperación co Goberno autonómico
e debido á forte demanda de escolas e profesores, afianzamos o noso
compromiso con Galicia e cos nosos socios locais deixando un
testemuño máis da nosa firme vontade de beneficiar a España e as
súas comunidades”, manifestou o directivo de Boeing.
Pola
súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da
Xunta de Galicia, Patricia Argerey, incidiu en que “é fundamental
promover as vocacións científico-tecnolóxicas desde a mocidade e,
neste sentido, o Polo Aeroespacial de Galicia ten unha ampla oferta
de actividades, entre a que se atopa esta Aula Newton, para impulsar
o talento, que presta especial atención ás mozas”. E engadiu:“A
Aula Newton foi un grande éxito, non só pola cantidade de
participantes e a velocidade con que se esgotan as sesións para os
seguintes seis meses, en tan só 24 horas”. Argerey tamén
salientou que case a metade dos participantes son mulleres e, en
xeral, ao rematar cada xornada, unha importante porcentaxe de alumnos
valora no futuro seguir carreiras STEM.
“Ademais,
desde Tecnópole personalizamos a experiencia para que a misión de
voo sexa na nosa comunidade, contando co apoio do Centro Integrado de
Emerxencias 112 Galicia”, comentou Javier Taibo, director de
Tecnópole.
Pola
súa parte, Alysia Tofflemire, directora executiva de FIRST
Scandinavia, puntualizou que “ver a Aula Newton en marcha é moi
gratificante para min e para o meu equipo. Estamos moi orgullosos do
traballo conxunto con Tecnópole, Boeing e as autoridades locais e
conmóvenos ver a importancia que se lle dá ás educacións STEM en
Galicia para as futuras xeracións de innovadores e líderes. Estou
desexando asistir os triunfos da Aula Newton nos vindeiros anos“.
A
Aula Newton Galicia é a primeira en establecerse en España,
seguindo o formato de grande éxito en Noruega, que conta con máis
de 40 aulas permanentes distribuídas por todo o país. As Aulas
Newton contribúen á aprendizaxe e á adquisición de habilidades en
materias STEM en contornas de simulación, baixo a supervisión de
profesorado especializado.
O
apoio do Goberno galego nesta iniciativa é parte do programa
autónomo de promoción de vocacións científico-tecnolóxicas
’’Voando alto, sumando vocacións’’, no que colabora Boeing, socio
industrial e tecnolóxico da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia.
