Boiro celebra nas redes o Día das Letras Galegas
xoves, 14 de maio do 2020

- Ricardo Carvalho Calero, o autor homenaxeado este ano na festividade das Letras
As
complexas circunstancias que estamos a vivir obrigan a que a edición
2020 do Día das Letras Galegas non sexa unha edición coma as
demais: non haberá actos colectivos para celebralas e boa parte do
programado desenvolverase nas redes (á espera dos actos
conmemorativos oficiais que se adiaron ata outubro). Os concellos da
nosa comarca son conscientes desta nova realidade e estes días están
a preparar cadanseus programas de actividades fundamentalmente
online. Este xoves 14 o Concello
de Boiro deunos a coñecer detalles da súa axenda conmemorativa
(unha axenda para todo o mes de maio), que responde á súa vontade
de “traballar en alternativas para proseguir coa programación
cultural”.
O
preparado polo departamento de Cultura de Boiro está composto de
dúas vertentes. Por unha banda, a programación propia para o 17 de
maio, que está centrada no autor ao que se lle dedica este ano do
día das letras, Ricardo Carvalho Calero, e, polo outro, a campaña
Cultura na Rede, que ten como protagonistas aos profesionais
da cultura, de todos os ámbitos, que hai en Boiro.
Segundo
explica o Concello, a programación do domingo, 17 de maio, vai
conter un contacontos, ás 12.00h, a cargo de Teatro do Improvisto A
vaca Paca. Pola tarde será Barbantia quen se encargue dos
contidos culturais coa presentación de dous libros, Foula e
Ronsel. Os anos que marcaron a biografía de Carvalho Calero
(1910-1941) de Aurora Marco e Ricardo Carvalho Calero. A
pegada do compromiso de Héctor Cajaraville, e tamén unhas
lecturas de poemas do autor. Durante toda a xornada van participar
tamén os centros educativos do municipio con contidos para as redes.
Para
rematar o día vaise presentar, como dixemos, o ciclo Cultura na
Rede, que, segundo explican dende o Concello, porá nas redes
sociais, ante o mundo, a persoeiros locais da cultura nas súas
múltiples manifestacións, por exemplo Fran Velo, Sonia Lebedynski,
Diana Sieira, Riveiro Coello, María Magán ou Suso Santamaría, ente
outros moitos. Na actividade farán unha presentación do seu
traballo e explicarán o que representa para eles o acto de crear ou
impulsar a creatividade.
Toda
a programación arredor do Día das Letras Galegas vaise poder seguir
a través das redes sociais do Concello de Boiro (por exemplo no
Facebook de seu) desde o domingo 17 de maio e durante todo o mes.
