Boiro forma ás mulleres desempregadas en Internet e redes sociais

luns, 31 de maio do 2021 Sandra Rivadulla

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Boiro 2020-2021, destinado exclusivamente a mulleres que combina formación online e presencial, inicia dúas novas accións formativas. Por un lado, ofrece un curso presencial de Internet e redes sociais de 15 horas de duración, mentres que por outro, propón un certificado de profesionalidade Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais de 430 horas.
En principio, na formación de Internet e redes sociais van participar 15 mulleres. A finalidade é que “as participantes dominen os principais sistemas de correo electrónico, de almacenamento na nube e o manexo das principais redes sociais”. Nesta actividade traballarase a pegada dixital e a mellora da marca persoal, así como diversos recursos web para a mellora da empregabilidade.
No certificado de profesionalidade Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais tamén vanse formar 15 mulleres. Nesta ocasión, as participantes adquirirán competencias para distribuír, reproducir e transmitir información e documentación requiridas nas tarefas administrativas e de xestión internas e externas, así como realizar trámites de verificación de datos e requirimentos de nivel superior. Ao finalizar o módulo, as participantes realizarán prácticas en empresas.

PUBLICIDADE