Bota a andar a filial polaca de Televés

martes, 25 de maio do 2010 Marcus Fernández

Luis Romero Suárez é o director xerente de Televés Polonia

Televes Corporation estrea filial en Polonia, cunha oficina que pretende mellorar o acceso da compañía ao maior mercado dos países que nos últimos anos incorporáronse á Unión Europea e dispor dunha plataforma estratéxica para incrementar a presenza no centro e este de Europa.
Televés Polonia terá a súa sede na cidade de Wroclaw, un dos centros económicos do país, que goza ademais dunha privilexiada situación como centro loxístico, ao ser punto de converxencia das principais vías de comunicación nacionais e internacionais e o seu director xerente será Luís Romero Suárez, que asegura que «o mercado polaco presenta notables semellanzas co español e constitúe unha referencia para os países que entraron na UE en 2004 (Hungría, República Checa, Eslovaquia e os Países Bálticos) e para outros cos que mantén ligazóns históricas e culturais, como Ucraína e Bielorrusia».
Polonia ofrece un atractivo mercado nacional de 38 millóns de consumidores, cun notable ritmo de crecemento económico, baixos índices de desemprego e boas condicións para o investimento. O gasto do país en tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) sitúase arredor do 1,5% do produto interior bruto (PIB), cun valor de mercado por enriba dos sete billóns de euros. Un terzo dos fogares están aboados a servizos de televisión por cable e a televisión por satélite alcanza unha cobertura similar, tras rexistrar un crecemento sostido nos últimos tres anos.

PUBLICIDADE