Bota a andar o proxecto piloto, Comunidades Rurais virtuais para a educación na nube

mércores, 13 de abril do 2011 Raquel Noya

JPEG - 270.1 KB
Javier Guerra destacou que o proxecto piloto está en sintonía co Plan I2=C</A>

Botando man das vantaxes que ofrece a tecnoloxía de computación na nube, sobre todo á hora de rachar distancias e facilitar o intercambio de contidos dende calquera punto de país, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) puxo a andar o proxecto de Cloud Computing adaptado ás necesidades das escolas rurais, Comunidades Rurais virtuais para a educación na nube, que se implantou inicialmente no Colexio Rural Agrupoado (CRA) de Boqueixón Vedra.
Este proxecto, que en palabras do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, “é de vital importancia e magnitude, foi quen de atraer o investimento de Silicon Valley, xunto a outras dúas iniciativas localizadas en Estados Unidos e Asia”.
Vázquez Abad engadiu que Educación “está a estudar a posibilidade de integrar no proxecto Abalar as potencialidades desta iniciativa”, e engadiu que, “unha vez confirmadas as potencialidades deste proxecto e os seus beneficios para combater a dispersión no ensino rural galego, Educación tratará de implicar aos Concellos galegos nos que existan CRAs, co fin de ampliar este proxecto innovador”.

JPEG - 217.4 KB
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria na presentación do proxecto

Na actualidade, o proxecto de Cloud Computing ideado polo CESGA está a funcionar nas 7 escolas que compoñen o CRA Boqueixón Vedra e xunto coa Universidade de Idaho e unha universidade de Taiwan, conforman os 3 únicos centros do mundo que foron financiados por Hewlett Packar para desenvolver os seus proxectos piloto neste eido.
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, que tamén asistiu á presentación do proxecto piloto, destacou que Computación na Nubeestá en sintonía coa folla de ruta marcada polo novo Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (i2C)”, e neste senso explicou que “o Goberno de Xunta aposta por un modelo de investigación aplicada, competitiva e colaborativa; capaz de xerar benestar e crecemento; un modelo no que sempre terán cabida proxectos de alto valor engadido”.
Grazas á tecnoloxía de computación na nube os profesores e alumnos das 7 escolas de educación primaria e infantil que compoñen o CRA galego, poden comunicarse entre si, traballar e facer actividades escolares de forma conxunta sen ter que desprazarse, a través da Rede. Para iso contan coa tecnoloxía cloud, en nube, que permite acceder a unha serie de servizos informáticos e responder ás necesidades do usuario de forma flexible e personalizada, a través de internet e sen necesidade da axuda de expertos informáticos.
Cunha solución de software libre e código aberto os usuarios traballan nunha plataforma sinxela que é axeitada tanto para o profesorado como para os estudantes e as súas familias, grazas á que non é necesario contar cos recursos e programas instalados en cada ordenador, senón que se pode contar cos materiais didácticos e recursos de aula nun espazo común, dispoñible dende calquera ordenador ou incluso móbil, conectado a Internet, para todos os membros da comunidade educativa.
Deste xeito ademais redúcense ao mínimo as dificultades técnicas, limítanse os custos de licencias de software, e créase unha contorna de traballo virtual a través dunha única aplicación lixeira, estruturada en varios niveis de acceso, segundo o perfil do usuario final.

PUBLICIDADE