Boya pon á venda un micrófono sen fíos 4-en-1

mércores, 6 de agosto do 2025 Marcus Fernández

O mercado de micrófonos sen fíos non deixa de medrar, resultando difícil destacar entre tanto produto semellante en prestacións, polo que o fabricante chinés Boya quixo probar sorte en maio cunha campaña de micromecenado para facer posible un micrófono transformable bastante orixinal, que captou a atención de 2.625 patrocinadores, e que finalmente poñen á venda de xeito ordinario.
O Boya Magic preséntase como 1 micrófono con 4 formas, que na súa esencia é un dos típicos micrófonos de solapa con pinza ou imán e receptor sen fíos que pode conectarse ao móbil, o ordenador ou unha cámara (en función do receptor empregado) que poden introducirse nun estoxo que o transforma nun micrófono de man que pode tamén colocarse no escritorio ou sobre unha cámara (pois está preparado para conectarse nunha zapata), conseguindo así unha grande versatilidade.
Unha das funcións máis interesantes destes micrófonos sen fíos é a súa tecnoloxía de cancelación de ruído, capaz de eliminar ata 40 dB de sons non desexados, o que xunto ao seu limitador intelixente integrado consegue un son de calidade en numerosas situacións. Estas prestacións poden controlarse comodamente a través dunha aplicación para o móbil.
Cada un dos micrófonos ten unha autonomía de ata 6 horas cunha carga, que pode ampliarse ata as 30 horas grazas ao estoxo de carga.
A versión básica dos micrófonos Boya Magic inclúe 2 micrófonos, 1 receptor USB-C e un estoxo de carga por un prezo de 79,08 euros na súa tenda oficial, mentres que por 105,45 euros temos o modelo que inclúe tamén un receptor para cámara e, por 114,24 euros teríamos o modelo que inclúe a maiores un receptor Lightning por se temos un vello iPhone. Estes prezos poden estar suxeitos a aranceis, o que non acontece se adquirimos o produto a través de Amazon, onde xa se pode adquirir a versión básica por 109 euros e a versión máis completa por 159 euros.

Vídeo promocional do micrófono Boya Magic