Brother sorprende cunha nova impresora multifunción 3.0

luns, 28 de xaneiro do 2013 Redacción

A compañía xaponesa Brother, especializada en equipamento ofimático para a empresa e para o fogar, está a presentar estes días o seu novo equipo da gama Print 3.0, o modelo MFC-J4410DW, un produto multifunción que, segundo nos contan dende o blog da empresa compostelá Foga, que a distribúe en liña, resulta “totalmente innovador”, tanto por vantaxes (máis calidade, menores custes) como por deseño externo.
Sobre este último punto, o aparello multifunción salienta por unha feitura pouco convencional neste tipo de máquinas, aparentemente máis un centro multimedia ca unha impresora, cousa que se intensifica pola súa disposición compacta e, tamén, pola inclusión dunha pantalla LC táctil de 4,5 centímetros con panel electroestático.
A todo o devandito, cómpre engadir as melloras que a compañía Brother asegura ter incluído a longo de tódolos elos da cadea tecnolóxica da impresión: calidade, tempos, fiabilidade ou custes. Asemade, permite imprimir de xeito ocasional en formato A3. Outro dos seus puntos fortes de cara ao seu emprego na oficina, informa a empresa, radica na posibilidade de efectuar impresións sen fíos dende dispositivos móbiles, ademais de posibilitar a conexión directa con aplicacións de Internet para a suba ou a descarga de arquivos imprimíbeis. A impresora sae ao mercado, distribuída pola devandita firma galega, a un prezo de 133 euros sen IVE.

PUBLICIDADE