CIBER.gal consolida un ecosistema de ciberseguridade con administracións, empresas, universidades e institucións

mércores, 28 de febreiro do 2024 S. P.

O ecosistema galego da seguridade de información víase reforzado o pasado ano 2023 grazas ao Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, coa achega de 10 grandes empresas e a realización ou participación en iniciativas de concienciación, promoción do talento e do coñecemento e prestación de servizos. Arestora, son xa máis de 50 as administracións, universidades, empresas e institucións que forman parte deste modelo de colaboración creado en 2020.
Os responsábeis de CIBER.gal presentaron recentemente, ante a Asemblea do Nodo, a Memoria correspondente a súa actividade no 2023. Cómpre salientar actividades de concienciación e capacitación encamiñadas á cidadanía, ás administracións públicas ou ao tecido empresarial. Entre elas, atópase a celebración do III Encontro CIBER.gal, que reuniu en Compostela a algúns dos principais expertos nacionais en ciberseguridade; e o desenvolvemento do Curso Superior de Ciberseguridade destinado aos empregados públicos.
Entre as campañas dirixidas á cidadanía, a memoria subliña as máis de 4 millóns de visualizacións que tiveron os vídeos de #CiberEsther; os máis de 6.600 escolares que participaron no concurso Ciberseguridade no cole!, ou os case 4.000 participantes nas iniciativas de concienciación e formación en ciberseguridade nos colexios.
Nesta Memoria tamén sinalan que, en 2023, se deseñou e se puxo en marcha o novo espazo web do Nodo CIBER.gal, así como a web ciberseguridadegalicia.gal, que concentra toda a información e recursos de Galicia nesta materia. O Nodo participou tamén na elaboración da Estratexia Galega de Ciberseguridade e formalizou colaboracións con organizacións internacionais como a Global Cybersecurity Alliance.
Entre a actividade de 2023, é preciso facer fincapé no fomento do talento a través da participación ou implicación en iniciativas como os servizos de ciberseguridade para entidades locais; ou a sinatura do convenio entre o INCIBE e as tres comunidades participantes -Galicia, Cataluña e Comunidade Valenciana- no proxecto do Centro de Innovación en Competencia en Ciberseguridade.
Por último, sinalar que entre os proxectos para este ano 2024 se atopa a creación do Centro de innovación e competencias en ciberseguridade no transporte intelixente (RETECH).

PUBLICIDADE