CLUSAGA e Siemens mostran como dixitalizar a nosa industria alimentaria

xoves, 19 de xaneiro do 2023 S. P.

Os fondos europeos NextGenerationEU, que darán impulso á transformación dixital do sector alimentario en Galicia, centraron parte da xornada organizada este xoves 19 de xaneiro por Siemens e a Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (CLUSAGA) no Edificio FEUGA de Santiago. Estas axudas europeas, segundo explicou Xosé Ramón Vázquez, responsábel da oficina técnica Next Generation Galicia Food en CLUSAGA, supoñen “un investimento público que fomenta o desenvolvemento, a transformación dixital e a modernización do sector”.
Siemens acudiu á xornada logo de ter presentado as súas tecnoloxías máis innovadoras na recente convocatoria do PERTE, como o seu Xemelgo Dixital, a súa Automatización Avanzada, as súas contribucións á Intelixencia Artificial e as súas novas solucións en materia de rastrexabilidade (trazabilidade) con sistemas MES e tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain). Estes recursos “están enfocados cara a unha fabricación máis competitiva, que asegure o control e a monitoraxe dos produtos e reduza o impacto ambiental dos procesos”, segundo explicaron Manuel Cadenas, de Siemens Digital Industries, e Sergio Ballesteros, de Siemens Digital Industries Software.
O evento foi inaugurado por Roberto Alonso, director de CLUSAGA, que destacou “o reto da transformación dixital e a Industria 4.0 como desafío estratéxico para o sector alimentario galego”; e polo director rexional de Siemens en Galicia, Óscar Brea, que explicou a capacidade de consultoría industrial de Siemens Advanta.
A xornada tamén incluíu unha mesa redonda na que CONGALSA, CEAMSA e Grupo Leche Río (este último, representada a través da consultora Medrar), debullaron os seus principais retos e obxectivos e describiron como se están a apoiar na dixitalización para abordar a súa transformación tecnolóxica. Na charla tamén se trataron aspectos cruciais para a industria agroalimentaria como a ciberseguridade ou o papel que debe xogar o talento dixital.

PUBLICIDADE