CLUSAGA lanza FoodTalent.gal, o portal de emprego do sector alimentario galego

mércores, 20 de novembro do 2024 S. P.

O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) lanzou FoodTalent.gal, o primeiro portal de emprego especializado no sector alimentario galego e adaptado ás necesidades das empresas alimentarias de Galicia. A plataforma ofrece ás empresas socias unha ferramenta clave para a captación de talento e aos profesionais do sector unha bolsa de emprego actualizada e adaptada ás esixencias do mercado laboral.
CLUSAGA explica que FoodTalent.gal presenta unha nova ferramenta estratéxica que “permite a conexión entre talento e empresas no sector alimentario galego”, reforzando a competitividade do sector, impulsando novas oportunidades de negocio e promovendo os valores de colaboración e innovación, que son fundamentais na súa acción.
Desta maneira, o portal contribúe á arela do Clúster de “posicionar a industria alimentaria galega como un referente global, xerando un impacto positivo na sociedade e consolidando o seu liderado no mercado internacional”.
A nova plataforma de emprego foi desenvolvida en colaboración con Jobfie, empresa especializada en solucións de recursos humanos e na creación de microportais de emprego para asociacións empresariais e institucións públicas. Esta alianza deu como resultado un portal que, en palabras de CLUSAGA, “destaca polo seu enfoque innovador e as súas ferramentas baseadas en Intelixencia Artificial. que melloran os procesos de selección”.
Ademais, as persoas usuarias poden acceder a ofertas exclusivas do sector e mellorar a súa empregabilidade mediante ferramentas como un xerador de currículos asistido por IA e unha proba de autoavaliación de competencias que axuda ás/aos candidatas/os a descubrir as súas fortalezas en relación ás 20 competencias máis demandadas polas empresas.
Trátase tamén dunha ferramenta “deseñado para evolucionar de forma continua”, de feito o portal seguirá adaptándose ás demandas do mercado laboral e ás necesidades das empresas alimentarias, segundo apuntou o Clúster, engadindo que “a súa flexibilidade permite melloras constantes baseadas nas suxestións dos usuarios e nos cambios no panorama laboral”.
FoodTalent.gal foi presentado na feira virtual do Talentia Summit, un evento promovido polo Concello de Santiago de Compostela, onde a plataforma foi moi ben recibida entre as persoas en busca de emprego. Durante os días 13 e 14 de novembro, o equipo de Clúster explicou as funcionalidades de FoodTalent.gal a través de entrevistas personalizadas, comprendendo as necesidades de cada candidato e ofrecéndolles pautas para subir o seu perfil á plataforma, optimizando así as súas posibilidades de ser atopados polas empresas do sector alimentario galego.
O Clúster Alimentario de Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por 200 socias, entre os que están as principais empresas produtoras e transformadoras do sector, así como universidades e centros tecnolóxicos da comunidade.