COETICOR presentará nas súas xornadas o software galego Otea, dirixido á xestión de instalacións eléctricas
venres, 11 de outubro do 2013
As sedes de COETICOR
(Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña) van
acoller os días vindeiros uns interesantes encontros profesionais
dedicados a pór de relevo recursos tecnolóxicos para unha mellor
xestión e eficiencia da enerxía. As Xornadas Técnicas sobre
Monitorización e Control da Demanda Enerxética celebraranse os días
15, 16 e 17 de outubro nas sedes do colexio en Ferrol, A Coruña e
Santiago, respectivamente. O núcleo central destas xuntanzas será a
presentación de Otea, plataforma software para a xestión e o manexo
de instalacións enerxéticas e a súa aplicación no seguimento de
inmóbeis multipunto. A plataforma, empregada xa por empresas de todo
o mundo (moitas delas ben coñecidas), vén da man da firma
tecnolóxico-dixital EcoMT, con
sede no polígono de Pocomaco da Coruña.
O uso desta plataforma,
informa COETICOR, permite maximizar a eficiencia enerxética dos
locais comerciais e de servizos, producindo aforros de operación e
mantemento, reducindo avarías e detectando anomalías de
funcionamento de equipos, e todo a través dun único software que
permite xestionar múltiples instalacións. Arestora Otea controla
máis de 750 establecementos de Europa e América, achegando un
importante potencial de uso para compañías de comercialización
masiva de produtos ou servizos perante grandes cantidades de
clientes. Todas elas, sinala o Colexio, coinciden na importancia de
monitorizar e controlar a demanda enerxética dos seus centros para
optimizar a súa competitividade. Pola súa banda, os enxeñeiros de
EcoMT salientan que as xornadas técnicas están especialmente
dirixidas a empresas de mantemento ou xestores enerxéticos, entre
outros perfís profesionais de índole tecnolóxica.