CONETIC e Ineo convidan a xuntar forzas a prol das Cidades Dixitais
martes, 21 de abril do 2015
Comezou este martes ao
mediodía a
terceira edición do Congreso Cidades Dixitais que organiza CONETIC
en Santiago baixo o epígrafe A tecnoloxía aplicada a un
novo concepto de sociedade. A cita, que se mantén en activo até
o mércores, ten entre outros obxectivos o de ser un gran centro
demostrador de tecnoloxía para mellorar a calidade de vida das nosas
urbes. Entre os seus puntos fortes, o encontro fai gala dunha firme
vontade internacional: xunta a representantes de concellos españois
e latinoamericanos, amais dos profesionais da industria tecnolóxica
galega e estatal. Todos pechando fileiras fronte a un reto común: as
Smart Cities.
O congreso inaugurouse
ante centos de profesionais procedentes de todos os recantos do
territorio estatal e iberoamericano. Na apertura interviñeron Jorge
Cebreiros (presidente de CONETIC e da asociación galega Ineo), Belén
Do Campo Piñeiro (delegada territorial da Xunta), Víctor Calvo
Sotelo (secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade
da Información) e Agustín Hernández (alcalde de Santiago).
Cebreiros abriu a rolda
de presentacións falando do que na súa opinión representa o
Congreso Cidades Dixitais de CONETIC: “Un marco de colaboración
multiplicador de éxitos”. Ao fío disto, fixo fincapé na
oportunidade que representa o feito de contar no evento con
representantes dun bo número de institucións americanas, moitas
das cales participan na Misión Inversa de Ineo da que falamos onte
en Código Cero. Cebreiros tamén falou dos principais retos que
cómpre asumir entre todos de cara ao afianzamento das Cidades
Dixitais: melloras na xestión de refugallos, máis eficiencia e
eficacia na xestión de recursos, máis transparencia, transporte
máis sustentable e limpo, mellor conectividade, avances na
eAdministración, etc.
Como dixemos, na
inauguración tamén participou Víctor Calvo Sotelo, secretario de
Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, que
valorou moi positivamente os traballos en materia Smart City
que se están a levar a cabo na nosa terra, como por exemplo as
iniciativas Coruña Smart City ou Smart iAgo (Santiago). Calvo Sotelo
centrou boa parte da súa intervención no que significa o
desenvolvemento das Cidades Dixitais, e nas vantaxes que estas poñen
en xogo. Ao seu xuízo, as cidades de hoxe en día están sometidas a
múltiples tensións: económicas, tecnolóxicas e medioambientais.
“A incorporación das TIC”, dixo, “responde a estes retos e
brinda potencial de abondo para afrontalos e emendalos, habilitando
máis eficacia, eficiencia e sustentabilidade”.
Asemade, recoñeceu que
se debe partir de conceptos xerais (todas as urbes precisan ser Smart
Cities, sexan grandes ou pequenas, modernas ou antigas, españolas
ou americanas) para logo abordar as necesidades concretas de cada
urbe. “Cada cidade”, dixo, “debe ser intelixente á súa
maneira, adaptando modelos acaidos ás súas características”,
sinalou en clara alusión a Santiago e o seu particular proxecto
concreto de Cidade Intelixente-Cidade Histórica. Calvo Sotelo tamén
salientou un dos grandes activos estatais e europeos: a longa
tradición asociativa das empresas e entidades, cousa que non está
tan asentada noutras contornas como a dos Estados Unidos e que poden
servir, por suposto, para buscar solucións comúns a retos comúns.
Países e temas
O encontro que se está a
celebrar estes días en Santiago, organizado pola Confederación
Española de Empresas de Tecnoloxías da Información (CONETIC), en
colaboración coa asociación galega Ineo, conta coa presenza de
representantes de administracións españolas e institucións de
Colombia, México, Perú e Uruguai.
En canto a cuestións a
debater, o congreso abrangue temas como os seguintes: as solucións
accesibles nas cidades e nos fogares para persoas con capacidades
reducidas; os transportes intelixentes de mercadorías e de persoas;
a xestión e reaproveitamento de residuos ou a seguridade e a
integridade do dato.
