CONGALSA envórcase coa hostalería implantando un servizo gratuíto de dixitalización de cartas e códigos QR
xoves, 29 de outubro do 2020
A
empresa pobrense CONGASA,
referente galego e estatal en produtos de alimentación conxelados e
ultraconxelados, vén de pór a disposición do sector hostaleiro co
que colabora un servizo de balde para a dixitalización de cartas. O
servizo, que se materializa a través da marca Ibercook
Food Service, tamén achega aos hostaleiros a posibilidade de
xerar códigos QR para as súas cartas, co fin de facilitar ao máximo
a comunicación cos clientes dos establecementos e garantir, ao mesmo
tempo, a seguridade sanitaria. CONGALSA destaca a sinxeleza do
servizo e tamén o feito de que sexa gratuíto.
Trátase
como dixemos dunha iniciativa da marca especializada Ibercook Food
Service, da compañía con sede na Pobra do Caramiñal, que responde
ao desexo de “ofrecer solucións adaptadas á nova situación que
vive o sector, tratando de subministrar valor aos negocios de
hostalaría”. Deste xeito, engade a empresa, “bares, restaurantes
e calquera formato de negocio poderán crear e editar os seus menús
sempre que o necesiten e totalmente de balde”.
- Instalacións da empresa na Pobra do Caramiñal
CONGALSA
salienta que en tres sinxelos pasos, o usuario estará en disposición
de deseñar unha carta personalizada co seu logotipo e os seus datos
de contacto, os pratos, as bebidas e outros produtos que compoñan o
seu menú, e mesmo engadir información sobre alérxenos e prezos.
Unha vez confeccionado o menú, o servizo web xerará os códigos QR
que permitirán ao hostaleiro compartir de forma segura a súa
oferta.
Deseño
responsive
Grazas
a un deseño responsive, accesíbel desde calquera dispositivo
móbil, o xerador de cartas dixitais de Ibercook Food Service
facilita o acceso aos hostaleiros e mellora a experiencia dos
clientes, “todo iso sen custo e sen necesidade de descargarse
ningún tipo de aplicación móbil”, explica CONGALSA.
Con
esta medida, a empresa alimentaria da Pobra busca reforzar o seu
compromiso co dito sector dando continuidade á iniciativa
#NosVemosEnLosBares iniciada durante o confinamento.