CONGALSA lanza web de novos produtos saudábeis para o consumidor dixital: Ibercookfunfood.com
venres, 4 de setembro do 2020
A
empresa de alimentación CONGALSA, con sede de operacións na Pobra
do Caramiñal, encara esta recta final do verán con novidades
relevantes ligadas á innovación e ás tecnoloxías. Así, logo
de ser recoñecida por segundo ano consecutivo no Informe Ardán da
Zona de Franca de Vigo (nas categorías de empresa xeradora de
riqueza e empresa innovadora), a compañía de produtos do mar
anunciou este setembro a
posta en marcha dunha nova web para “o consumidor dixital”.
Trátase de Ibercookfunfood.com,
un sitio web que serve de referencia internacional á marca Ibercook
Fun Food, unha gama de produtos na que a empresa pobrense aposta por
“novos e mellores alimentos para gozarmos na casa”.
O
lanzamento da gama deu comezo coa publicación da devandita web,
dispoñíbel en español e inglés, a través da cal os seus usuarios
poden ir descubrindo todas as novidades da marca. O redeseño, en
palabras de CONGALSA, salienta por mostrar unha feitura “máis
informal e desenfadada”, dúas características que constitúen as
claves de comunicación da gama, tanto no packaging como nas
accións promocionais, co obxectivo posto “nun target máis
novo”.
Segundo
explica a empresa da Pobra do Caramiñal, “a través desta liña
dirixímonos a un comprador cada vez máis habitual da categoría de
conxelados, que busca alimentos saudábeis, doados e convenientes,
pero tamén preocupado por realizar unha compra máis eficiente e con
reducir a presenza do desperdicio alimentario”, destaca Julio
Simarro, director Comercial e de Mercadotecnia da compañía, poñendo
o foco na relación calidade-prezo inmellorábel da nova proposta.
O
afianzamento no mercado da gama Ibercook Fun Food virá acompañado
dun traballo intenso nas redes sociais, que son ferramentas de uso
común en CONGALSA e coas que se pretende, novamente, axudar aos
consumidores a descubrir os beneficios de incluír os produtos
conxelados na súa cesta da compra e como poden gozar nas súas casas
das receitas dunha gama de produtos en expansión.