Cabify bota a andar na Coruña

xoves, 13 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Era cuestión de tempo, e finalmente os servizos de aluguer de vehículo con condutor (VTC) populares polo bo aproveitamento de aplicacións móbiles chegan a Galicia, xa que este venres estréase na cidade da Coruña o servizo de Cabify, que até o momento só operaba nas cidades de Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia, Málaga e Alacante.
Cabify comezará a admitir peticións de viaxe inmediatas e reservas a partires das 6:00 horas, que serán atendidas por vehículos híbridos e que terán prezos que parten dos 5,50 (10 euros no caso de peticións de reserva cun mínimo de 2 horas de antelación), sendo posible beneficiarse dun desconto de 3 euros para as 3 primeiras viaxes como promoción de benvida.
O servizo de Cabify ofrecerase para o núcleo urbano da Coruña, incluíndo zonas adicionais como serían o aeroporto de Alvedro e o concello veciño de Arteixo, traendo a Galicia un conflito co mundo do taxi que leva moitos meses xerando crispación e polo que os taxistas galegos mobilizáronse en varias ocasións pese a non verse afectados directamente.
Cómpre lembrar que Cabify non destaca especialmente polos seus prezos reducidos, senón polas condicións do seu servizo, que funciona de xeito eficiente dende o móbil, cun itinerario e prezo pechados e pagamento a través da aplicación (sendo tamén posible facelo en efectivo) xunto cun trato personalizado que inclúe comodidades como ofrecer auga, Wi-Fi ou mesmo revistas aos pasaxeiros, que incluso poden elixir a emisora de radio que escoitan no traxecto e a temperatura do aire acondicionado.

PUBLICIDADE