Cada vez máis cidadáns escollen a Rede para seguir o sorteo de Nadal

luns, 17 de decembro do 2007 Raquel Noya

O vindeiro 22 de decembro, moitos millóns de españois deixarán de facer as súas tarefas cotiás para pegar a orella ós medios de comunicación e seguir os cantos dos nenos de San Ildefonso e comprobar se os seus décimos e participacións teñen algún premio que os quite de traballar pa sempre. Este ano, segundo un estudo elaborado pola web ventura24.es, os compradores de lotería por Internet que comprobarán os seus décimos pola Rede triplicaranse con respecto a 2006.
Neste senso mantense o tradicional, “case a metade dos españois (47,1 por cento) seguen o sorteo a través da radio mentres que o resto dos compradores de lotería faino a través de Internet ou da televisión”.
O devandito informe asegura que Internet, na súa relativamente curta andaina, “xa conseguiu superar á televisión como medio preferido para seguir o sorteo” aínda que, á hora de comprobar os seus premios, segue sendo a prensa escrita o medio escollido pola maioría.
A porcentaxe de españois que acoden á Rede para comprobar os seus premios increméntase cada ano; deste xeito, o 62,6 por cento daqueles internautas que adquiriron os seus décimos por Internet, comprobarán se están premiados neste mesmo medio.

PUBLICIDADE