Caen as vendas de iPhone en España

martes, 8 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Dende ADSLZone veñen de filtrar os resultados dos datos de vendas de smartphones en España correspondentes ao terceiro trimestre de 2022, salientando a grande caída que experimentou Apple xusto antes do lanzamento dos novos iPhone, que non parece que vaian mudar a situación, xa que o sector entendeu que os iPhone 14 básicos eran basicamente os móbiles de Apple do ano pasado, mentres que os iPhone 14 Pro incorporaban melloras demasiado lixeiras para un incremento esaxerado do seu prezo, de aí que posiblemente os resultados cos que pecharán o ano vaian ser aínda peores.
Aseguran que as vendas de Apple terían caído un 36%, quedando só co 9% do mercado español, colocándose nun cuarto lugar en volume de vendas no noso territorio, por detrás de Samsung, Xiaomi e Oppo.
Xiaomi mantén a súa posición líder en España, co 34% do mercado e un incremento interanual de vendas do 17%; mentres que Samsung consolídase na segunda posición cun 31% do mercado, aínda que co detalle de que experimentou un incremento de vendas do 45%, polo que o fabricante coreano estaría moi preto de recuperar a súa posición de liderado do mercado español.
Oppo está bastante lonxe dos seus competidores, cun 11% de cota de mercado e un crecemento de só o 5%, pero parece difícil que Apple vaia superalo.
Cómpre salientar o feito de que no quinto posto figure un fabricante tan pouco coñecido no noso mercado como TCL, que conseguiu unha cota de mercado do 4% tras experimentar un crecemento do 24%.

PUBLICIDADE