A Rede acolle estes días unha nova campaña para salientar ante o mundo o encomiable labor da veciñanza de Angrois con motivo da traxedia ferroviaria do 24 de xullo. A campaña está a ser desenvolvida na plataforma Change.org, co obxectivo concreto de recoller apoios e sinaturas para propoñer aos habitantes da aldea compostelá merecedores do Premio Príncipe de Asturias. A iniciativa foi lanzada o venres pasado e arestora, martes 30 ao mediodía, xa obtivo preto de 37.300 adhesións. O que se pretende, polo tanto, é pór en valor a solidariedade amosada polos veciños de Angrois, case todos eles anónimos e sen cabida nos medios pero, case con toda probabilidade, moito máis importantes e valiosos, humanamente, que unha boa parte dos homenaxeados por canto certame ou convocatoria de galardóns se celebra no mundo.
Así se dá a entender no texto da campaña (unha petición á Fundación Príncipe de Asturias), onde se salienta que “a reacción dos veciños de Angrois foi tan decidida e inmediata que cando chegaron os primeiros servizos de emerxencias, xa sacaran unha gran cantidade de vítimas de entre os vagóns. O seu labor non cesou durante toda a noite, asistindo os profesionais e mesmo levándolles auga e mantas aos feridos, destacando a salientable actitude de acompañalos en momentos tan duros, o que supón un acto sublime de humanidade e amor ao próximo”.
Campaña en Change.org para propor a veciñanza de Angrois ao Premio Príncipe de Asturias
Compartir Este Artigo
