Cancelan as vendas do Samsung Galaxy Note7 tras detectar unha serie de baterías defectuosas
venres, 2 de setembro do 2016
Aínda
que hoxe estaba previsto o lanzamento europeo do Samsung Galaxy Note7, o seu
fabricante decidiu conxelar a súa
comercialización e iniciar un programa voluntario de substitución de
dispositivos ante a aparición de varios incidentes co novo dispositivo que
podería levar ao seu incendio ou explosión.
Dende Samsung investigaron os 35 casos xurdidos a nivel mundial e concluíron
que se debía a un problema na batería, polo que teñen que identificar
exactamente cales son as baterías afectadas (que chegan de distintos
subministradores) para así poder erradicar este serio problema de seguridade.
Cómpre lembrar que este tipo de problemas é algo bastante habitual no mercado
de electrónica de consumo, e xa se deron numerosos incidentes, por exemplo, con
ordenadores portátiles con baterías fabricadas por Sony (que no seu día fora
todo un escándalo) e nos teléfonos móbiles habitualmente xurdía por fallos nos
cables ou nos cargadores, o que neste caso parecía ser a causa inicial, xa que
estamos ante o primeiro smartphone de Samsung cun porto USB-C (que é todo un
reto pola enorme achega de corrente que permite), pero finalmente veuse que se
trata dunha serie de baterías defectuosas, o que podería ser un problema
bastante limitado de identificarse doadamente a fonte das baterías con
problemas (facilitando así a retirada do mercado só dos terminais afectados e
non de toda a produción).
Queda por ver agora se solucionarán a incidencia antes do día 9, cando estaba
prevista a chegada a España do novo produto estrela de Samsung.