Cancelan os Play Awards ante as críticas de youtubers

martes, 16 de maio do 2017 Marcus Fernández

ElRubius recibira un Play Award o ano pasado, antes da publicación de YouMag

Nos últimos anos xurdiron en España distintos eventos ao redor do fenómeno dos youtubers, buscando en grande medida a explotación comercial destas figuras públicas, entre as que destacaban certas entregas de premios nas que a única compensación para os as celebridades da Rede e a recepción dun galardón sen ningún valor real, situación que non vían moi ben, e que pode volverse en contra dos propios organizadores, como vén de pasar cos Play Awards, posiblemente os premios para youtubers máis célebres de España, que terían que celebrar unha nova edición o vindeiro día 25, e que finalmente canceláronse ante un boicot promovido polos youtubers ElRubios e Wismichu.
Estes últimos días varios dos youtubers que presumiblemente ían facer acto de presenza nos Play Awards publicaban comentarios co cancelo #NoVoyALosPlayAwards despois de transcender información sobre os organizadores dos premios, levando practicamente ao afundimento da súa reputación, e provocando a súa cancelación. Pero as informacións publicadas non eran para menos, xa que fíxose público que a empresa organizadora dos Play Awards era a editora da polémica revista YouMag (publicación na liña da prensa do corazón, que entremetíase na vide privada dos youtubers chegando a acosalos), ou sexa, que resultaba evidente que a compañía simplemente quería aproveitarse economicamente dun fenómeno, sen ter respecto cara as persoas que están detrás.
Foi precisamente o youtuber español con máis seareiros, ElRubius, o que a pasada fin de semana advertiu en Twitter sobre esta situación, comentando a súa indignación por ter recibido unha invitación para participar na gala deste ano dos Play Awards cando xa sabía que esa mesma xente fora quen o acosara nas súas vacacións e fixera pública a identidade da súa parella, e tras estas mensaxes colleu o relevo o galego Wismichu, quen fixo un vídeo titulado La verdad sobre los premios de youtubers, no que non só explica o que está a acontecer, senón que engade numerosos detalles como que os galardóns en cuestión son unha farsa, e premia realmente as youtubers que confirman a súa asistencia á gala presencial, ignorando totalmente o sistema de votacións que supostamente decide os gañadores de cada categoría (o que coñece de primeira man por ter sido convidado a participar e ter recibido un destes premios un dos seus colaboradores).
O vídeo foi a última gota que colmou o vaso, e provocou unha reacción en cadea, xa que convenceu a todos os potenciais participantes da vindeiras edición dos Play Awards a dar as costas ao evento, levándoo á súa desaparición, o que fíxose oficial a través dun comunicado publicado en liña no que negan as acusacións, asegurando que a empresa detrás de YouMag non é a mesma que organiza os premios, e asegurando que as evidencias que din xusto o contrario serían froito do erro da empresa que desenvolveu os seus espazos web (explicación difícil de crer, tanto pola súa inverosimilitude como polo feito de que no comunicado non se dá absolutamente ningún nome de persoas e entidades involucradas, facendo imposible contrastar a información). Do que non se defenden en ningún momento é do feito de que os premios están amañados (o que é moi evidente) polo que dificilmente será posible reactivar a marca dos Play Awards tras toda esta polémica.

Vídeo no que o coruñés Wismichu afonda na polémica dos Play Awards